sábado, 15 de marzo de 2014

Apuntes de toponimia do Concello de ALFOZ


Imaxe por Vreimunde (flickr)



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________

ABELEDO 
(Adelán)
Topónimo que alude un lugar no que abundan as abeleiras.

A ABELLEIRA (Adelán)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". 
É un topónimo moi común en toda A Mariña, do Vicedo ata Ribadeo.
Ás veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.

ADELÁN (Adelán)
Derivado de (uilla) Atilani, forma en xenitivo de Atila, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Figura atestado como "sanctus Iacobus de Adelani"  en 1124 "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ". 
Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

AGRELA (Lagoa)
No Catastro de Ensenada para A Lagoa (1753) está atestado o "sitio da Grela" ao describir os límites da freguesía.
O topónimo vén do latín agrella 'pequena agra'.
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". Cf. DdD,
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.

Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AGUÑEIRA (Lagoa)
Posiblemente de "abruñeira", o mesmo que "abruño". 
Así, hai un "Agruñido" en Galdo, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

OS ALBELOS (O Pereiro)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome Albelo ("branquiño") dun antigo posesor destes terreos. É a construción adxectival-xenitiva de "Os terreos de Albelo" > "Os Albelos", frecuente na microtoponimia galega.
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como "Aluelo"  ("..Johan martiz dito aluelo..") no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Hai un "Cerrado de Xan Albelo" en Cervo que confirma que na zona tamén foi usado este sobrenome, talvez de apelido. O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra outros na zona, como O Albelo no Burgo (Muras).
É de notar que, nalgún caso, o adxectivo "albelo" ("branquiño") tamén podería estar caracterizando o terreo como de cor "tirando a branco", talvez pola existencia de barro ou caolín.

ALFOZ (Alfoz)

O termo "alfoz",  de orixe árabe (do árabe hispano alhawz), foi amplamente usado no galego medieval para designar un territorio administrativo. A motivación neste caso concreto sería  para se referir ao territorio do Castro de Ouro. Aparece atestado no 1220, cando Afonso IX outorga aos habitantes do Ourio o privilexio de Benavente:
  ".. Dat autem idem episcopus predicti loci populatoribus quantum habet in termino de Ourio pro alfoz, exceptis ecclesiis cum suis hereditatibus.".

ALGARIÑA (Bacoi)
Diminutivo de "algaria" ou de "algara".
O apelativo "algaria" figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Por outro lado, podería tratarse un zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas, para "algaria" e "algaira" a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.
Tamén podería encaixar o apelativo "algara" na acepción de "cova, barranco subterráneo" que recolle o dicionario de E. Rodríguez. Descoñecemos a existencia de tal cova ou barranco nese lugar.
Finalmente, tratandose dun núcleo de poboación, tampouco podemos descartar a acepción de "tropa de xente, correría, escaramuza", presente tamén en portugués "Incursão militar feita em terra inimiga" e en castelán, e derivado do árabe hispano alḡára, e este do clásico الغارة al-ḡārah. Para "algaria" tamén aparece similar significado metaforicamente "bandada moi compacta de sardiñas".

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra ademais un núcleo de poboación chamado "A Veiga da Algaria" en Adelán, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado.

O AMARELO (San Pedro de Mor)
Orixe incerta.
Pode remitir ao sobrenome dun antigo posesor  deste lugar.  O alcume Amarelo xa está atestado no séc. XII (".. Gutier, cognomento Amarelo .." 1170 CODOLGA). 
Tamén pode aludir á caracterización do terreo, no sentido de "(agro) amarelo".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

OS ANELLOS (Lagoa)
Cremos que o topónimo "Anellos" non ten que ver co termo castelán anillos, senón que posiblemente teña a orixe no tema pre-latino* ann-, que Bascuas  liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "Anilleira", "Anellada", "Anido" e "Aneiro". 

ANXERIZ DE ARRIBA (O Castro de Ouro)
ANXERIZ DE ABAIXO (O Castro de Ouro)
No Catastro de Ensenada para O Castro de Ouro  (1753) está atestado o "sitio de Anxeriz" ao describir os límites da freguesía.
O topónimo provén dunha (uilla) Anserici, forma en xenitivo de Ansericus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval(granxa, explotación agrícola). É unnome de orixe xermánica.

AS ANXARICES (Lagoa)
De "as (terras) de Anxeriz", posiblemente por ser o seu antigo posesor oriúndo da poboación dese nome.

A ARCA CAVADA (O Pereiro)
Lugar onde houbo ou hai unha "arca",  referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.
Neste caso, ao ser unha arca cavada, indica claramente o caso dunha mámoa que foi escavada.

A ARNELA (O Pereiro) 

Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería inicialmente un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 
O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. DdD.  Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de "canaleta para conducir a auga" citado antes.
Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Ademais, isto non explicaría os "Arnoia" por exemplo.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

OS ARUXOS  (O Pereiro)

O topónimo "Aruxos" é de orixe prerromana, e relacionado con correntes de auga. Bascuas derívao de *aruwio, da raíz hidronímica indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A AZOREIRA (Lagoa)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

BACOI (Bacoi)

De *(uilla) Vacconii, forma en xenitivo de Vacconius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina (cf. J. M. Piel, 1948. “Nomes de possesores latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa”, separata de Biblos, 23).
Figura atestado como "sancta Maria de Baconi"  en 1124:
 "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas .." (cf. " Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo "). 
Un século despois aparece como Bacoy:
"  quantum habet in termino de Ourio pro alfoz, exceptis ecclesiis cum suis hereditatibus" ..." Datum in Bacoy, X die Aprilis, era M CC LV III". (cf. " Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo "). 

O BARBEITO  (Carballido)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARCIA (Adelán)
AS BARCIAS (Lagoa)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río. 
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

O BATÁN (Lagoa)
No Catastro de Ensenada para A Lagoa (1753) está atestado o "sitio de Batan" e mais o "sitio de Batan de avaixo" ao describir os muíños da freguesía.

Do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BELANDAL (Carballido)
Derivado, con aférese, de "abelendal", lugar no que abundan as abelairas.
No Catastro de Ensenada para a freguesía de S. Pantaleón de Cabanas (1753) vén recollida a existencia dun "sitio de Beledal". Tamén no Diccionario de Madoz (1845) viña recollido outro Abeladal na frguesía do Vicedo. 
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-endo + -al) non son frecuente, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc.
Existe tamén un "Beladal" en Mañón, un "Valadás" en Melide e un "Baladás" en Chavín e en Valdoviño. 

BELOI (Lagoa)
No Catastro de Ensenada para A Lagoa (1753) está atestado o "sitio de Beloi" e tamén "veloi" ao describir os muíños da freguesía.

O topónimo deriva de *(uilla) Bellonii, forma en xenitivo de Bellonius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 
En efecto, Piel explica os topónimos galegos "Beloi", "Veloi" como procedentes do nome latino Bellonius, en concorrencia cunha base *Vellonius (cf. p. 45 de J. M. Piel "Nomes de possessores latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa", 1948).
No entanto, é de notar que, aínda sen haber dúbidas sobre que se trata dun antropónimo, un nomen possessoris, si as hai sobre a orixe concreta do antropónimo. De feito, noutro artigo, o propio Piel indica as varias alternativas sen pronunciarse por ningunha. Cf. páx. 229 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

O BIDUÍDO (Carballido)
Lugar onde abundan os bidueiros.

OS BIEITOS (O Castro de Ouro)

Prados antigamente pertencentes a Bieito, ou á familia de Bieito.

BOADE (O Pereiro)
Podería provir de *(fundus/uilla) Bovati, forma en xenitivo de Bovatus, nome do antigo posesor, cunha orixe prerromana (cf. p. 35 de Verba num. 30  aquí), ou a partir dun cognomen latino da mesma forma Bovatus (cf. A. Rodríguez Colmenero aquí).
Por outro lado, Bascuas indica que un dos actuais topónimos Boado está atestado no século X como Uaulato, e interprétao como hidrónimo, derivado dunha dunha prerromana, a partir da raíz indoeuropea *wel 'xirar, remuíño'. Tamén confirma que outros Boado derivan do latín bos/bovis 'boi'. Cf. E. Bascuas. "Ulla, Veleia y otros derivados de la Raíz indoeuropea wel- "hacer girar" in "Veleia", Nº 16.

OS BREDETES (As Oiras)
De "vedretes", diminutivo de "vedro". Ver "O VEDRO".

O BUSTELO (O Pereiro)
Este lugar está atestado como "Bustellono 922 nun privilexio de Ordoño II (cf. "España Sagrada").

O termo "bustelo", diminutivo de "busto", alude a lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.

O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Navaza afirma que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza, "Toponimia de Catoira"). Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto protocéltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. blog Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

O CABALAR (Bacoi, O Pereiro)
No Catastro de Ensenada para Carballido (1753) está atestado o "sitio de pon Cavalar" ao describir os muíños da freguesía.

O adxectivo "Cabalar" por veces remite a unha "(pedra) cabalar" ou cabaleira, unha pedra que monta sobre doutra (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"). Xa aparecen atestadas desde antigo:
 - ano 572: " ...Portelam de Angares veniens ad Petram Cavalar .." 
 - ano 1169 : " ... ad illam magnam petram nativam que est juxta portum cavalar .."

Tamén na toponimia actual, nagúns casos semella aludir a unha"pena". Así, nas Somozas o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra "A Leira das Cabalares", e en Pobra de Trives "A Cabalar", ambos en femenino, polo que encaixaría que o nome destes topónimos elíptico foi "pedra" ou "pena". En Vigo (Pontevedra) atopamos un "A Cabalaria" e ao pé del "A Pedra Cabalaria", onde se conservou o suxeito, así como a forma culta.

Sería preciso confirmar ou descartar a existencia de tal penedo para estes lugares; no caso do do Pereiro, o terreo deste nome queda nun coto con penedos darredor.
Alternativamente, pode tratarse dun zootopónimo, remitindo á presenza de cabalos, talvez selvaxes.

Nas Somozas, nas Pontes, en Ortigueira, en Ourol e en Cerceda figuran igualmente outros"Cabalar", os catro entidades de poboación.

O CACHÓN (As Oiras)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (As Oiras)
CADAVEDO (O Pereiro)
Un "cadaval" ou "cadavedo" remite a un lugar no que abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

CALISTO (Adelán)
Topónimo que alude ao nome dun antigo posesor.

A CAMBA (Adelán)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varias acepcións, todas relacionadas con "cousa curva", como "peza curva da roda do carro", así como a de "val" (cf. dicionario de  Cuveiro Piñol, 1876). Existe tamén
 o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. DdD.

O CAMBEIRO (Adelán)
Probablemente alude ao alcume dun antigo posesor do predio, facendo referencia ás características das pernas e ao modo de andar. É formado a partir da base camb-, a mesma de cambelo / cambela e cambés/cambesa (‘estevado, de pernas tortas’) e de cambelas, na frase "facer cambelas" ‘facer eses ó andar’ (cf. DdD).
É un topónimo relativamente frecuente, así nesta área atopámolo en Silán (Muras) e mais en Rúa (Cervo).

Por outro lado, o termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. RAG), aínda que encaixan pior como topónimo ("gancho"; "caínzo").


Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

A CAMPA DE PEDRA (O Castro de Ouro)
O topónimo "Campa" remite aquí a unha "campiña no monte" que, de feito neste caso, ten afloramentos rochosos.
En efecto, aínda que o termo "campa" ten outras acepcións recollidas nos dicionarios de galego, debemos interpretar que se remite a unha "campiña no monte" ou "lugar onde medra espontaneamente a herba, prado de pasto". 

Esta voz "campa" deriva de "campo", sendo a forma en femenino indicando un maior tamaño (cf. sacho-sacha).

AS CAMPELAS (Lagoa)
A voz "campela" é o diminutivo de "campa", derivado de "campo".
O dicionario de Constantino García recolle "campela" como "camposa" e tamén como "prado pequeno".
Se a interpretamos puramente coa acepción de "campa" en diminutivo, entón pode aludir a unha pequena "campiña no monte". 

O CAMPO VERDE (Lagoa)
Neste topónimo, correspondente a un núcleo de poboación, o
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "campo de cor verde".  O adxectivo "verde", alén do significado relativo á cor, achega ao nome do lugar connotacións de vizosidade, fertilidade. Indica Navaza que "debeu de aludir en orixe á flora do lugar, aínda que os topónimos en que está presente este adxectivo non constitúan propriamente fitotopónimos" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, tampouco se pode descartar que algún "Verde" da toponimia derive dunha forma en xenitivo Viridii, Virdii ou Vertii, remitindo a un antigo posesor chamado Viridius, Virdius ou Vertius, tal como teñen indicado Nicandro Ares ou X. L. Gª Arias.

O CAMPÓN (Carballido, O Castro de Ouro)

O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. 
Cf. DdD.

A CANCELA (Adelán )
No Catastro de Ensenada para Adelán (1753) está atestado o "sitio da Canzela" ao describir os muíños da freguesía.

O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

A CANDA (Lagoa)
AS CANDAS (Lagoa, O Pereiro)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

CANDAÍNZOS (Carballido)
De "(agros) candaínzos", agros onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CARROCIDE (Lagoa)
No Catastro de Ensenada para A Lagoa (1753) está atestado o "sitio de Carrozide" ao describir os límites da freguesía.
Probablemente "carrocide" sexa unha deturpación de "carracide", o cal remite a un lugar no que  abundan os carrizos ("canaveiras").

A CASA DE BASANTA (Adelán)
Basanta é o apelido do antigo posesor. É un apelido de orixe prelatina, co elemento indoeuropeo "-nt-".

A CASA DE CANDIA (O Pereiro)

Probablemente se trate dun antropónimo de orixe prerromana, de *Kandena 'a branca', da raíz indoeuropea *kand- 'brillante'.

O CASAL (Lagoa, Carballido)

OS CASÁS (Adelán)
No Catastro de Ensenada para Bacoi (1753) está atestado o "marco dos casas" ao describir os límites da freguesía.

Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASTRILLÓN (Bacoi)
Derivado derivado de Castrilione, do latín castrum (ver O CASTRO DE OURO) cos sufixos diminutivos -iliu  e  -one. Xa que logo, Castrillón alude a un castro de pequenas dimensións. No entanto, por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como 
"vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

O CASTRO DE OURO (O Castro de Ouro)
Topónimo que alude á localización do castro ao pé do río Ouro. Ver RÍO OURO.
A voz "castro", do latín castrum 'castelo, fortaleza', designa un poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016, p. 73. "Historia de Galicia").

É de notar que no caso das poboacións que conservan este topónimo, moitas veces non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas.
Coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III.

O CAXIGAL (O Pereiro)
Un "caxigal" remite a un lugar onde abundan os caxigos.

O CELEIRO VELLO (O Pereiro)
O topónimo "Celeiro" vén do latín tardío cellarium, e faría referencia a "edificación para despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". 
Na Idade Media, estas construcións eran parte do entorno dunha casa rural, granxa ou entidade monástica. A súa función era de lugares para a conservación e procesamento de produtos, maiormente cereais e viño, para o cal dispoñían de arcas para gardar a gra e cubas para gardar o viño (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Hai autores que postulan se os "celeiro"  poderían facer referencia aos hórreos de tipoloxía galega. A documentación medieval existente fai rexeitar esta suposición, se ben, tal como indica Xaime Varela, nalgúns casos poderían ter esta acepción, e de feito actualmente "celeiro" pode ser sinónimo de "hórreo" na lingua galega (cf. p. 202, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

O CELEIROTE (O Pereiro)
O topónimo "Celeirote" é un derivado en diminutivo ou despectivo de "Celeiro", do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Ver "O CELEIRO VELLO".

CENTOI (Lagoa)
Este topónimo, aínda que non ofreza dúbida a súa orixe nun "nomen possessoris" dunha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola), e que se trate dun nome de orixe xermánica, hai varias alternativas para a orixe concreta.
Podería derivar de *(uilla) Sendoni, dun antigo posesor chamado Sendo(ne),  nome de orixe xermánica. A evolución Cendoi > Centoi non semella difícil,  quer por atracción de "cento", ou simplemente pola evolución neste caso para "t" do son xermánico "th".
Tería a mesma orixe que a do topónimo "Vilancedoi" de Bocamaos, para o que  Nicandro Ares indica que está rexistrado como Vila Sendoni  no ano 760 (cf. p. 928 de N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega").
Alternativamente, podería vir de *(uilla) Kintoi, dunha raíz xermánica *kind-, tal como xa J. M. Piel e D. Kremer, no seu "Hispano-gotisches Namenbuch" vencellaron xa os topónimos do estilo Cendoi, Cendón, etc.  

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

CERDEIRIDO (Bacoi)
Topónimo que alude a un lugar plantado con cerdeiras.

O CERRADO DOS CÁDAVOS (O Pereiro)
A voz "cádavo" designa os cepos dos toxos en pé, que permanecen nun toxal queimado. Cf. DdD.

A CHAFARICA (Lagoa, Carballido)
Probablemente "Chafarica" se deba interpretar, igual que "chafarico", como "casopa, cabana" neste contexto.
O termo "chafarica" non está rexistrado no dicionarios de galego, aínda que si "chafarico" 'casopa, tenderete' (cf. Estraviz). Porén, "chafarica" si se rexistra en portugués, co significado de 'taberna, baiuca'.
Tampouco podemos desbotar unha interpretación como sinónimo de "chafariz" 'fonte', pois tanto a chafariz como a chafarica se lles asigna unha procedencia no apelativo árabe hispano  ihrīǧ 'fonte, poza'.
Como se indica ao comezo, cremos que debe interpretarse como "casopa, cabana" neste contexto, xa que, dada a súa ocorrencia en plural noutros na xeografía galega (e.g. en Xermade), non parece probábel que nun pasado existisen varias tabernas no mesmo lugar.

O CHAO DA ESQUEIRA (Adelán)
O topónimo "Esqueira" pode indicar un lugar onde abunda a "esca", no senso de "material vexetal fino e seco, que arde con faciliade", ou incluso no sentido ampliado de "comida".
 Por outro lado, esqueira tamén é sinónimo de "escada", na acepción existente de "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.
En favor da primeira interpretación está o feito da existencia de topónimos "Esqueiru" en zonas de Asturias nas que non se du a caída do -l- intervocálico, co cal non puido vir dun *scalario, senón de esca, forma tamén cmpartida coa lingua asturiana.

O CHAO DA PASADA (O Pereiro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". 

O CHIVADOIRO (Adelán)
O termo "chivadoiro", grafía alternativa de "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. DdD.

AS CHOUSAS DO CELEIROTE (O Pereiro)
Ver "O CELEIROTE".

O COCHÓN (San Pedro de Mor)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.

CONCHOUSO (Bacoi)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum 'horta pechada'.

A CORA (O Pereiro)
O nome deste lugar podería ter unha orixe na raíz prelatina *kor-.
Outra hipótese sería a de "lugar de cora",  co sentido de "lugar onde se fai a actividade da cora", con "cora" significando "actividade de dar cor" (aos tecidos), palabra tamén existente en portugués con este significado.
Existe outro "Cora" en Valcarría (Viveiro).

CORBITE (Adelán)
De (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 

O CORNELLE (Lagoa)
Podemos pensar que "Cornelle" se trate dun apelido, tal como semella no caso dunhas terras "Martín Cornelle" en Castroverde. De ser o caso, "Cornelle" sería un apelido derivado dun topónimo, o cal tería unha orixe nunha (uilla) Cornelii, forma en xenitivo de Cornelius, nome de orixe latina. Ese Cornelle orixinario remitiría por tanto ao posesor dunha uilla (granxa, explotación agrícola). Este é a orixe tamén do lugar de "Vilacornelle" existente en Narón. Tamén debeu ser o caso de Cornelle en Meilán (Riotorto), que aínda non sendo núcleo de poboación na actualidade, atopamos a rentes del "Os Prados de Cornelle" e "Rego de Cornelle", o que parece indicar tamén a referencia a unha antiga uilla ou similar.

Por outro lado,  a presenza do artigo tamén nos pode inducir a pensar que "cornelle" se percibía como un nome común, o cal contradi a hipótese da orixe indicada. Poderíamos, nesta liña, pensar que proveña dun "O Cornello", termo que recollen os dicionarios coa acepción de "curruncho, recanto", o cal encaixaría co topónimo. O paso Cornello>Cornelle non é extraño, a relaxación da pronuncia do -o final por influxo da palatal previa é relativamente frecuente na toponimia.

A CORTIÑA (Lagoa, As Oiras)
AS CORTIÑAS (Bacoi)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum,   ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA DA ROZA (O Pereiro)
Ver "A Roza".

A COSTELA (As Oiras)
AS COSTELAS (O Pereiro)
O termo "costela", do latín *costanĕlla diminutivo de *costana, á súa vez derivado de costa, ludindo por tanto a un terreo costento.
Este diminutivo -ela, derivado do latín –ĕlla (feminino de –ĕllu), foi totalmente substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, este topónimo debe ter unha orixe medieval ou anterior.

A COSTOIRA (O Castro de Ouro)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles,  ver entrada no blog Pena da Cataverna.

O COTO DE FREIXIDO (As Oiras, O Pereiro)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

O COTO DE MEL (Lagoa)
Probablemente "Mel" non teña nada que ver co apelativo "mel" das abellas, senón cun antropónimo. Podería derivar de Merii, Mellii, ou Gemelii, formas en xenitivo dos nomes de persoa Merius, Mellus e Gemelius, respectivamente.
O primeiro candidato sería Merius, tendo en conta que para o topónimo "Soutomel" (A Bola), figura atestado como Saltu Meri (cf. P. Martínez, 2010, "Toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas ..").
Por outro lado, "Vilamel"  foi estudado por J. Piel, que deriva de Villa Mellii, lugar dun posesor chamado Mellius. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico" (1984), in Verba 11.
No entanto, tampouco se pode descartar que derive da forma prerromana indoeuropea, probablemente celta *mel- 'colina', que encaixa obviamente neste caso.

O COTO DE  PORCASADO (As Oiras)
Debe derivar da cadea onomástica  "Pero Casado" (sendo Pero a forma antiga por Pedro), do mesmo modo que existe un "Peicasado" en Carballido, que proviría de "Paio Casado", ou un "Pormellor" en Ortigueira, atestado antigamente como "Pero Mellor". 
O apelido "Casado" xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

O COTO DO CACHÓN (O Pereiro)
Ver "O Cachón".

O COTO DO MACHO (O Pereiro)

Probablemente, neste contexto o termo "macho" derive do latín marculum 'martelo pequeno', e posiblemente sexa referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. 
Alternativamente, aínda que menos probábel, de Marculus, diminutivo de Marcus, nome de persoa. Porén, descoñecemos rexistros desta ocorrencia.
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo, a non ser como alcume.

O COTO DO VALDOVÍN (As Oiras)
Neste caso, moi probablemente a grafía correcta sería "Baldovín", derivado de Baldovinus, antropónimo de orixe xermánica.
Tampouco se pode descartar, o mesmo que ocorre no caso do "Valdoviño" da Coruña, que proceda de "Val do Avín", onde "avín" tería orixe nun hidrónimo paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *ab- (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 2002). 

O COTO DOS ESVEDROS (O Pereiro)
Lugar onde abundarían os esvedros (cast. "madroño").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra un "Esvedral" no Vicedo, outro en Mañón e un "Esvidral" en Vieiro.

A COVELA (O Pereiro)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVELO (Lagoa)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo" como de "cubo", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

A CROA (O Pereiro)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

CRUZ DE PARDEIRO (As Oiras)
Debe remitir ao apelido Pardeiro da persoa que facería ou encargaría esta cruz. En efecto, nos nomes de cruces, na microtoponimia, é frecuente que vaian acompañado dun nome persoal, sobrenome ou profesión.
O apelido Pardeiro ten, de feito, a maior frcuencia neste concello (cf.CAG) e, por tanto, debeu ser neste concello onde surxiu.
A orixe deste apelido Pardeiro podería provir do adxectivo pardeiro 'cor tirando a parda' ou relativo a "parede", talvez como alcume indicando profesión.

O CUCHAREGO (O Pereiro)
Forma derivada de "cocho" 'porco', "mamífero da familia dos súidos". Debe remitir a goridas de cochos bravos.
A forma cucharego inclúe o sufixo -ego, de orixe prerromana, presente en moitos outros topónimos, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, Pallarega de palla etc.

Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña, coherentemente co feito de ser 'cocho' a voz máis común para se referir ao "porco".

É de notar que estes topónimos non teñen relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.

É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

AS CURRIPAS (O Pereiro)
Unha "curripa" é un "carreiro estreito". 
Nalgunhas zonas tamén se aplica a un pequeno cercado, de pedras ou chantos, no souto, onde botan as castañas para que acaben de secar.

O ESCAIRO (Lagoa)

O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

A ESCOURA (Adelán)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén a "pedra da cor do ferro".

A ESCURA (Carballido)
Aínda que o significado do adxectivo que nomea estas terras sexa ben coñecido, non o é tanto a motivación que o orixinou, mais é probábel que os topónimos Escuro, Escura, relativamente frecuentes, aludan á arboreda espesa que tería, e ser por tanto unha adxectivación oposta á de "claro", "clareira", que remite a espazo sen árbores.

ESMORIZ (Bacoi)
De (uilla) Hermerici, forma en xenitivo de Hermericus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. Esta interpretación é sostida por M. Costa Frornarea.

Esta disimilación é interesante porque reforza a interpretación que fixo J. M. Piel para Vilaresmo < Vilar Ermo (cf. J. Piel, 1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11).

O ESPIDO (Carballido)
Topónimo que alude a un lugar no que abundan os espiños. O nome tería evoluído do latín spinitu  > *espiido > espido. De feito, perviven varios topónimos "espindo", dous deles en Foircarei, varios en Portugal, etc.
En Galiza o Nomenclator rexistra varios topónimos "Espido": no Vicedo,  en Curtis (A Coruña), en Monforte, en Meira, etc.
Unha orixe alternativa sería a referencia a "terreo espido", a terra pouco fértil e sen cultivos.

A ESTIBADA (O Pereiro)
AS ESTIBADAS (O Pereiro)
OS ESTIBADOS (Adelán)
Grafía alternativa por "estivada" e "estivado" respectivamente.
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega".

FACHELAS (Adelán)
Diminutivo de "facha". O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos". Cf. X. L. Franco DdD.
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 

En canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas  derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido "cruce" entre  facula  'fachuzo' e de fascis 'feixe'.

A FAIA (Bacoi)
Topónimo tranparente, que alude á presenza dunha árbore dese nome, que polo seu tamaño ou isolamento serviu de referencia para identificar o lugar.

FAIÁN DE ABAIXO (O Pereiro)
FAIÁN DE ARRIBA (O Pereiro)
De *(uilla) Fagilani, forma en xenitivo de Fagila, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

AS FANEGAS (Adelán)
Este topónimo remite ao apelido "Fanego" do propietario das terras ás que dan nome. É a construción adxectival-xenitiva de "As terras de Fanego" > "As Fanegas", frecuente na microtoponimia galega.

En canto ao apelido Fanego, é frecuente en parte da zona Mindoniense da provincia de Lugo, incluíndo Ribadeo, e semella que tivo o núcleo en Alfoz (cf. FANEGO, "Cartografía dos Apelidos de Galicia"). Este apelido xa está atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Está atestado tamén "Pedro Diaz Fanega" en 1211 (cf. E. Rivas, "Onomástica persoal do noroeste hispánico"). E en Viveiro en 1424 "Vaasco Fanego, Fernan Fanego" (cf. E. Rivas, "Onomástica persoal do noroeste hispánico").
Fanego debeu ser orixinado nun alcume, vendo o sufixo -ego que moitas veces alude a persoas ou etnias. Tería relación co verbo "fanar 'despuntar as orellas, desmochar' (cf Corominas s.v. faneca) . De feito nos dicionarios galegos (Dd)  recollen  Faneco como "Fanado, brujo, demonio, judío, circuncidado". Similarmente recollen os dicionarios de portugués.

Poderíamos pensar que fai referencia á medida de superficie e capacidade, mais a presenza deste topónimo, segundo o Proxecto Toponimia de Galicia, coincide bastante coa do apelido, polo cal semella descartábel que aluda á medida de capacidade. 

FERRADÁS (O Pereiro)
Este lugar está atestado como "Ferratalesno 922 nun privilexio de Ordoño II (cf. "España Sagrada").
O nome corresponde co plural de "ferradal", e alude á abundancia de augas ferruxinosas, as cales xa en latín eran referidas como  "ferratae aquae".
Para máis detalles, ver entrada de blog "O Ferradal e os Ferradás".

Os topónimos "Ferradal" e "Ferradás" abundan en Galiza, atopamos máis de medio cento de referencias (Proxecto Toponimia de Galicia). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz. 

O FERROL (Carballido)
O termo Ferrol procede dunha (uilla) Ferreoli, de Ferreolus. Ao levar artigo, quédanos a dúbida de que podería referir a un fundador oriúndo doutro Ferrol, por exemplo o lugar da Rigueira (Xove).
Aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123 de N. Ares "Estudos de toponimia galega".

O Nomenclator rexistra outros "Ferrol" próximos, como o de San Xusto de Cabarcos (Barreiros) e en Xove.

FLAIARES (Carballido)
Debe derivar dun "Frai Ares", remitindo a un antigo posesor do lugar.

A FOCELLA (O Pereiro)
Diminutivo de "foz". Unha "foz" é unha "desembocadura de río", e tamén un "desfiladeiro". Cf. DdD.

O FOGUEIRAL (Adelán)
O nome deste monte alude a un lugar no que acendían fogueiras. Xa que logo,  ten unha orixe similar aos múltiplos montes chamados "Faro" e "Facho".
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 

AS FOIAS (Lagoa)
O apelativo "foia" ten a mesma orixe que "foxa", do latín fovea, e indica unha furada. Os dicionarios danlle a "foia" a especialización semántica de "foxo para facer carbón" (cf. DdD). 

FONTE DAS FERRADAS (O Pereiro)
O nome alude probablemente a "fonte das augas ferradas". Ver entrada para "Ferradás" para máis detalle.

FONTE DE CAO (O Pereiro)
Fonte asociada a unha persoa apelidada "Cao". 
O apelido "Cao" provén do latín canus, relativo a unha persoa con canas, co pelo branco.

A FONTE DE MONDRIZ (Adelán)
O termo "Mondriz" deriva de (uilla) Monderici, forma en xenitivo de Mondericus, nome do antigo posesor da uilla altmedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

A FONTE DE POLLOS (Lagoa)
O termo "pollo" é a forma local do estandar "piollo". Probablemente a motivación sexa á presenza de augas ferruxinosas, que serían recomendadas para exterminar os piollos.

A FONTE DO COUSO DE ABAIXO (O Castro de Ouro)
A FONTE DO COUSO DE ARRIBA (O Castro de Ouro)
No Catastro de Ensenada para (1753) está atestada a "fonte do Couso darriba" ao describir os límites da freguesía.

O termo "couso" acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  xeralmente  remitindo a un foxo no monte para a caza de alimarias, maiormente lobos. Ten outras acepcións, como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".

Xa Sarmiento indicaba no séc. XVIII que "nas montañas de Samos chaman [couso] ao buraco ou foxo que se fai para coller lobos".
Silveira fixo tamén esta interpretación, derivándoo do latín medieval caussu, da forma secundaria de participio do verbo caveo 'gardar, vigxiar’, xa recollida por Du Cange (cf. Revista Lusitana n. XXIV, p. 206). Corominas explica couso como resultado dun cruzamento de cosso (< cŭrsum) e couto (< cautum).

É un topónimo moi frecuente en Galiza e na contorna, como no Valadouro, Muras, Alfoz. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado é claramente o indicado. Esta é a acepción que mellor parece encaixar para o topónimo, na falta de información que o confirme ou o desminta.

FONTE PERNAL (Lagoa)

Os topónimos "Fonte Pernal" (latín perennale) son relativamente frecuentes na xeografía galega, e alén dela tamén en Asturias, Cantabria.
No "Vocabulario del bable de occidente" (1932), de B. Acevedo e  M. Fernández,  é definida unha "fonte pernal" como "fonte que non seca, perenal".
Tamén  Abelardo Moralejo interpretou igualmente Fompernal de Triacastela e "Fonte Pernal" de Noia,  como derivados do latín perennis 'perenne', no senso de "que non seca" (cf. p. 106 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").

A FONTE VITORNA (O Pereiro)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

FONTELOS, OS (Lagoa)

A voz "fontelo" remitiría a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).
Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.
É unha forma derivada de "fontao" ou "fontá" 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -elo. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do baixo latín fontanellu. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenlo", así como "Fontaelo", que o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra en Foz e Xove.

OS FOZADOIROS (Adelán)
Semella relacionado con "fozar", quer por porcos domésticos ou, probablemete, nunha zona onde terían abundado os porcos bravos.
Atopamos un topónimo análogo "Fozadorios" en Salas (Asturias).

O FORNO DO CAL (As Oiras, O Pereiro)
Unha "caleira" ou "forno de cal" era o lugar onde se queimaba pedra calcaria para producir o cal. Era unha construción de muros de pedra, aberta pola parte superior.
As pedras calcarias introducíanse no forno conformando unha bóveda, e deixando un oco central para prender o lume. O forno cubríase con grandes lousas.
O forno tiña unha abertura na base para introducir o combustible (leña, queirogas, toxos, carbón). O lume era mantido uns dous días e medio, consumindo unha tremenda cantidade de combustible (ata 60 carros de toxo, cf. aquí). Este inxente traballo de manter o lume precisaba de varias persoas, facendo quendas día e noite.
Rematada a calcinación, e unha vez arrefriado, extraíanse as pedras, brancas pola calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas en po.
O cal era usado para facer cemento, pintar ou branquear paredes, para abonar, correxindo a acidez do solo, para branquear a roupa, etc.

O FORO (Lagoa)

Topónimo que alude a unhas terras que estiveron suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento 
"Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FOXO (Adelán, As Oiras)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: 
".. era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras" (cf. Elucidário).
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor 
"desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)
É interesante notar a diferencia entre "foxo"  e "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DAS CURUXEIRAS  (O Pereiro)
Unha "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa por tanto un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metaforicamente, rferiría a un "sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

A FRAGA DAS GALIÑAS (O Pereiro)

Aínda que podería referirse a algunha lenda sobre galiñas, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)-  'rocha'. Ver entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas.

AS FREIXA(O Pereiro)

Unha "freixa" designa unha "fervenza, cadoiro".  Tén outra acepción, menos probábel, que é a de "freixo". Cf. DdD.

GABIÁN (Lagoa)
É probábel que este topónimo faga referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Gabián xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
Por outro lado, Joseph Piel indicou para os toponimos equivalentes portugueses Gavião que na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina.  
Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabilani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
Alternativamente, de (agru) Gaudilani, dun antigo posuidor chamado Gaudila, nome de orixe xermánica (cf. M. Costa, Frornarea). Tería evoluído en certo modo similar ao caso do verbo audire > ouir > ouvir). Ou tamén de (agru) Gabilani, forma en xenitivo xermánico de Gabila, nome dun antigo posesor, nome de orixe xermánica (cf. p. 376, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III). 

GAIÁN (Lagoa)
Probablemente de (fundus) Gaudilani, forma en xenitivo de Gaudila, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica (cf. M. Costa, blog Frornarea).
Por outro lado, Rivas Quintas postula unha orixe nun nome persoal distinto, Gavianus (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico").

Hai outro Gaián no concello de Vilalba, así como un microtopónimo no concello do Pino.

A GOLPILLEIRA (San Pedro de Mor, Bacoi)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
É un topónimo frecuente en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

O GORBIDAL (Bacoi)
O GORXÁN (Lagoa)
O topónimo O Gorbidal debe provir dun "Agro Vidal", remitindo ao antigo posesor do agro. 
Do mesmo modo, O Gorxán provirá dun "Agro Xan", remitindo igualmente ao antigo posesor.
En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos" fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica tamén este caso Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

A IBIA (Lagoa)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen asigna unha orixe paleoeuropea, derivada dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga' (cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

Similarmente  atribúe García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García. "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 


É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón"  'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí Moisés Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").

A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e  "-ón" son  típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".2002).

A presenza do artigo indícanos que se preservou como apelativo no romance.

Semella encaixar a orografía coa acepción do aragonés ibón, no sentido de que se trata dunha zona non moi grande, que fai cunca, que podería encharcarse. De feito, este Ibia semella estar situado nunha pequena chaira, onde talvez apozaría a auga, e algo parecido ocorre co "Ibia" de S. Xusto de Cabarcos (Barreiros).

Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así, hai "Rego da Ibia" en Oiras, outra "Ibia" no Valadouro, "Ibia" en Barreiros, etc.

A INSUA (As Oiras, O Pereiro)
Do latín insula 'illa'. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a illa ou península formada nun río, ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos"

A LAGOA (Bacoi)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).
No século XVIII atopamos este lugar atestado como "Lagôa" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

AS LAMÉSTREGAS (O Pereiro)
Os termos "lamestra", "laméstrega" e "laméstrica" derivan de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, tamén de orixe prelatina corresponde co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Laméstricas" en Muras, "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

AS LAMIGUEIRA(O Pereiro)

Unha "lamigueira" designa un "lugar onde abunda a lama". 
Ten outra acepción, menos probábel para un topónimo, de árbore "lamigueiro", tamén chamado "lodeiro", "lotus", ou tamén o populus alba, o álamo branco ou o álamo negro.

O LAVANCO (Lagoa)
Este topónimo debe referir á ave  "lavanco", que os dicionarios de galego rexistran como unha especie de parrulos. Porén, sería estraño que figurase en singular.  Tampouco parece que encaixaría o topónimo en femenino "A Lavanca" existente en Ribadeo. Encaixan mellor como alcumes de antigos posesores dos predios.
Canto á etimoloxía,  Corominas interprétao como resultado dunha disimilación da orixinaria "navanco" (cf. J. Corominas DCECH, s.v. lavanco), derivado do apelativo de orixe prerromana "nava" 'lugar pantanoso en despoboado', de aí que o frecuentasen os parrulos bravíos. 

Alternativamente, pode aludir a "pedra grande", acepción rexistrada para "labanco" (cf. DdD A. Otero "Algunas adiciones al léxico hispánico", CEG XXIV). A motivación pode estar relacionada con "labia" 'losa, roca plana rasante con el terreno',  que rexistra Rivas Quintas (cf. DdD E. Rivas. "Frampas"), tamén presente na toponimia galega. Rivas relaciona labia coa forma lábena de Asturias e Santander, e  dálle unha orixe celta, igual que laxe (< hispano-latino lágena, cf. Corominas DCECH, s.v. laja).

Por outro lado, para Rivas, "Labancos" deriva das raíces precélticas   *lav-*nav-, que designarían "lugares alagados" (cf. E. Rivas. "Natureza, toponimia e fala"). Tamén indica "labanca" como pedra grande, desde unha base *lav- ‘pedra escorregadiza’.

AS LEAS (Bacoi)
No Catastro de Ensenada para Bacoi (1753) está atestado o "sitio das leas" ao describir os límites da freguesía.
Os topónimos Leas, relativamente frecuentes, acostuman ser interpretados como hidrónimos de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacíbeis, en remanso'.
É de notar que Machado refírese a lena como nome prerromano “talvez ligado ao pré-celta lena, ‘grande pedra chata’, ‘lousa” (cf. J. P. Machado, 2003. "Dicionário onomástico etimológico da língua portuguesa"); 
No entanto,  dada a situación dos distintos "Lea", seméllanos máis probábel a interpretación como hidrónimo.

Deste modo, os topónimos Leas estarían relacionado con outros  como  Ribeiras de Lea, co'As Leas no Valadouro, Cervo, Barreiros e Foz, ou co asturiano Llena. 
É de notar que, dada a súa presenza en hidrónimos, cremos improbábel que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', ademais de que non encaixaría para un topónimo relativamente frecuente.

O LOURIDO (San Pedro Mor)
Un "lourido" remite a un lugar no que abundan os loureiros.

O MACHUCO (Lagoa)
OS MACHUCOS (As Oiras)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepcion de "mazo", do latín marculum 'martelo pequeno'. Probablemente remita a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. Outras veces viría de "Casa de machuco", nome aínda usado no século XVIII pra se referir, por extensión, a unha ferraría.

O MAESO (O Castro de Ouro)
O termo "Maeso" é unha forma antiga para "mestre", e aludirá á profesión ou alcume dun antigo poesor do lugar. Cf. DdD
Elixio Rivas, na súa "Toponimia de Marín", indica que "Maeso, maesa, serían de uso entre menestrales y artesanos; mestro, mestra, entre gente estudiada".
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén en Barreiros unha "Cortiña da Maesa".

MARCOI (Lagoa)
Debe derivar de (uilla) Marcoi, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Alternativamente, de (uilla) Marconii, un antigo posesor chamado Marconius, nome rexistrado por Solin (cf. S. Heikki & O. Salomies. "Repertorium nominum gentilium et cognominum latinorum". 1988). 
É importante notar que, aínda que non corresponda na actualidade cun núcleo de poboación, é  probable que o fose, tal como acontece polo xeral neste tipo de topónimos, polo menos en Galiza.

Atopamos en Vilalba un topónimo homónimo.

MARTILLE (Lagoa)
De (uilla) Martilii, forma en xenitivo de Martilius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 

AS MEDELAS (O Pereiro)
O termo "medela" é diminutivo de "meda", que significa "morea de mollos de cereal segado", aínda que tamén se pode referir a "mámoa". 
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar.

MEIXIDE (Bacoi)
No Catastro de Ensenada para Bacoi (1753) está atestado o "sitio de ameijide" ao describir os límites da freguesía.
Unha das interpretacións é que proveña de  "ameixide" ou "ameixido",  'lugar onde abundan as ameixeiras'. 
Outra alternativa é que derive dunha (uilla) Maxiti, forma en xenitivo de Maxitus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina, documentado no ano 951 (cf. J. Piel "Lateinisches Namengut in portugiesischen und galizischen Ortsnamen"). No entanto, o mesmo Piel indica as hipóteses alternativas de se referir ao nome Magitus ou Megitus ou a ameixide.
Tendo en conta que a maioría dos topónimos "Meixide" corresponden con núcleos de poboación, e que existe un "Vilameixide", a interpretación indicada de nome possessor parece probable. No entanto, ao estar como "Ameijide" no 1753 crea certa dúbida.

O MEIXÓN (O Pereiro)
OS MEIXÓS (O Pereiro)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'. De feito, o portugués conserva "ameijoada" 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
O Proxecto Toponimia de Galicia de Galiza rexistra outros "Meixón", por exemplo o de Ortigueira.

AS MOAS (Adelán)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".

AS MÓDEAS (Lagoa)
O termo "modia" refírese moitas veces a "mámoa" ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un "outeiro", a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

OS MONTES DE COSTOIRO (O Pereiro)
Ver "A COSTOIRA".

OS MONTES DE ESCOURIDAL (O Pereiro)
Un "escouridal" remite a un terreo onde abunda a "escoura". 
Ver "A ESCOURA".

OS MONTES DO CALVELO (O Pereiro)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.
Este topónimo probablemente corresponda co "Ralvello" atestado no 922 nun privilexio de Ordoño II, que sitúa entre Bustello e Ferratales (actuais Bustelo e Ferradás) (cf. "España Sagrada"). A forma "Ralvello" é apenas un erro de transcrición.

MOSQUEIRO SALGUEIRO (O Pereiro)
OS MOSQUEIROS (As Oiras)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

MUÍÑO DO PARDEIRO (Adelán)
Remitindo ao apelido do posesor do muíño. Ver "CRUZ DO PARDEIRO".

MUÍÑO DO MACHUCO (Lagoa)
Ver "O MACHUCO".

OS NOVÁS (Adelán)
Topónimo que alude a "os (agros) novás", forma plural de "noval", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.

AS OIRAS (As Oiras)
O nome desta parroquia xa figura atestado en 1164 como Aurias:
   ... sanctum Petrum de Mour cum omni iure suo et cum omni regali uoce parrochianorum ipsius ecclesie et cum cautis per termninos eius in circuitu per locum uidelicet de Aurias ..." cf. GMH.
Figura atestado como "San Mamed das Oyras" no "Censo de la Sal" de 1631.
É un hidrónimo de orixe prerromana, que podería ter feito referencia un "tramo de río, ribeira".  En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). Esta é tamén a orixe de topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio. Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas, Parte I".


A ORDEN (Adelán)
Este topónimo podería remitir a unha Orde relixiosa ou militar. Cabeza Quiles relaciona os topónimos "A Orde" con posesións ou mosteiros da orde Bieita (cf. F. Cabeza. "Toponimia de Galicia").

Aínda que máis improbable, tamén pode tratarse dun hidrónimo de orixe prerromana. En efecto, foi analizado por E. Bascuas, asignándolle, unha posible orixe no tema hidronímico antigoeuropeo*ord-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 133 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". No entanto, non o indica como seguro. En palabras de Bascuas: "Es natural considerarlo como singular correspondiente a Ordines, pero quizás en algún caso se refiera a tal o cual Orden religiosa o militar".

PADRIÑÁN (Bacoi)
De *(uilla) Patriniani, forma en xenitivo de Patrinianus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Este nome ten orixe latina, derivado de Paternus
Tamén podería derivar da formación paralela (uilla) Paterniani,  xenitivo de Paternianus, tamén derivado de Paternus

A PALLOZA (O Pereiro)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. Era preciso renovar cada 15 anos con palla nova  o teito (un grosor duns 40cm, cf. aquí). 
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando este lugar se comezou a denominar así, os teitos de palla xa se tornaran infrecuentes.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

A PANDA (As Oiras, O Pereiro)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PARROCHA (Bacoi)
Para un topónimo, a voz "parrocha" encaixa na acepción recollida no dicionario Estraviz de "cabana, casoupa para guardar ferramentas ou para abrigar-se". Tería unha orixe prelatina, talvez remitindo a cercado, horto, celeiro, e relacionada con outros topónimos como Parga (<Parrica).

Tamén podemos interpretar "parrocha" como forma despectiva para se referir a unha parra ou parreira. Segundo Navaza, o máis probable é que a orixe do nome de lugar se encontre no termo parra “videira levantada artificialmente”, voz común aos romances ibéricos, de orixe incerta,
sobre a que se teñen proposto etimoloxías prerromana e xermánica (cf. G. Navaza,  2006. "Fitotoponimia galega").

A PASADA (Bacoi)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, Burela, Mañón, Viveiro, Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

OS PATEIROS (Lagoa)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, a gran maioría delas non aplicables doadamente para un topónimo.
Cremos que a más probable é a rexistrada por Aníbal Otero no Rizal de "pequeño almiar que se hace en las labrantías con el trigo o centeno, antes de llevarlo para la era" (cf. A. Otero. "Contribución al léxico gallego y asturiano, Archivum". 1964).
Tampouco podemos desbotar que se trate dun abundancial, dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos. En efecto, Joseph Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

PAULABRADA (San Pedro de Mor)
Aínda que sen documentación antiga que o demostre, semella plausíbel interpretalo como unha deturpación dun antigo "Paio Labrada", e remitiría, xa que logo, ao antigo posesor do predio.
En efecto, formaría parte do conxunto de topónimos en Pou- que terían orixe no nome Paio, tales como Paucabaleiro (Taboada), Paulouro, Pausalido.

O PÉ DO LOBO (Lagoa)
Tanto o significado como a motivación son incertos. 
O termo "Pé de" tanto pode referirse á proximidade a algo (como podería acontecer con "Pé do Monte" e "Pé do Lugar"), como tamén aludir metaforicamente a un "pé" no senso de existencia dun marco ou pedrafita, tal como parece acontecer no caso de "Pé de Muller" (Suegos), que está atestado como marco no Catastro de Ensenada para Suegos (1753), ao establecer os límites coa freguesía de San Román do Val.
Por tanto, pode aludir á antiga existencia dun marco ou pedrafita, que lembraría dalgún modo a figura dun "lobo".

O PEICASADO (Carballido)
O PEIMOURO (Adelán)
PEIPÉREZ (As Oiras)
Topónimos que remiten a unha persoa chamada, respectivamente,  Paio Casado, Paio Mouro e Paio Peres.
O nome Paio foi moi popular na Idade Media, e de aí que ten unha gran presenza na toponimia menor de Galiza, paarticularmente co seu ipocorísticos Pai e Pei. Así temos por exemplo un Peiperez en Alfoz, ou un Peibarba en Xove, ou Peirrei en Muras.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén Paimouro (Viana do Bolo), así como a formas sen síncope, "Paio Mouro" en Bravos (Ourol), remitindo igualmente ao nome dun antigo posesor desas terras.
Para o caso d'O Peimouro, poderíamos tamén pensar nun "Peago Mouro", pero ao ser nun outeiro sen ríos próximos podemos rexeitar esa orixe.

PEIZÁS (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
O termo "peizás", o mesmo que "painzás", é o plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo.

PENA ALBEIRA (O Pereiro)
O adxectivo "albeiro" indica "de cor tirando a branco" ou "de cor moi branca". Se observamos esta pena, semella confirmar esta interpretación, aínda que sexa tamén posíbel interpretar o topónimo como orixinado na raíz prerromana *alb-/*alp- 'altura, monte'.

A PENA CAPELUDA (As Oiras)

A PENA CAPILUDA (As Oiras)
Este topónimo remite á forma da pena. É pois un uso metafórico de "capela", diminutivo de "capa", indicando a forma de sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
Amais desta Capeluda, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del.

É interesante reparar en que este uso metafórico non se dá soamente na toponimia galega: no centro de Italia atópase una "Serra Cappella", cuxa motivación é igualmente interpretada  "nella forma tondeggiante del monte" ("forma redondeada do monte", cf. Davide Boccia, 2017. "La Toponomastica dell'Alta Val di Sangro").

PENA DAS BANZAS (As Oiras, O Pereiro)
O termo "banza" é definido nos dicionarios de A. Otero e de X. L. Franco como "respaldo de banco, encosto" (cf. DdD). A interpretación máis plausíbel coidamos que sería a súa forma en esqueira ou cun gran ribazo.

PENA DO BISPO (Carballido)
O termo "Bispo", 
do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A PENA HEDRA (O Pereiro)
Topónimo transparente, aludindo a unha pena cuberta por hedra. É unha alusión igual á da "Pena Hedrada" (Xove), coa única diferencia de que no caso que nos ocupa, a voz "hedra" actúa como adxectivo. É unha formación análoga á da "Pena Musga" (Xermade), con "musga" significando "musgada".

A PENA GRANDE DO ESCOURIDO (As Oiras)
Un "escourido" remite a un terreo onde abunda a "escoura". 
Ver "A Escoura".

A PENA LADA (Carballido)
Derivado do sintagma Pena Lada, co adxectivo do latín lāta ‘larga, ancha’, que atopamos frecuentemente  na documentación medieval: 
        [...]  et inde per termino de Petra Lata , [...] a. 787 (CODOLGA)
[...] Forman et inde per monte Sandeu et inde per Petras Latas et [...] a. 1085 (CODOLGA)
[...] descendit ad Penna Lata et  [...] a. 1172 (CODOLGA)

Son igualmente frecuentes as mencións a 'aqua lata' de onde proveñen os topónimos Agolada, A Golada.

A PENA MONTAGABE  (As Oiras)
O termo "Montagabe" deriva dun composto "Monte Gabe", do cal "Gabe" proviría de 
Gauii, forma en xenitivo de Gauius, ou tamén Gabii, xenitivo de Gabius, aludindo ao antigo posesor da pena.

Ver "VILAGABES" para máis detalles.

A PENA MOSQUEIRA (As Oiras)
Podería estar orixinado pola existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. DdD.
Alternativamente, sinónimo de "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

O PENIDO VERDE (Adelán)
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "penedo de cor verde".  O adxectivo "verde", alén do significado relativo á cor, achega ao nome do lugar connotacións de vizosidade, fertilidade. 
Ver "CAMPO VERDE" para máis consideracións.

A PEREIRUGA (Adelán)
A forma "pereiruga" deriva do latín pirariola 'pereira pequena', ou talvez de petrariola 'pedra pequena'. 
É un topónimo interesante por rexistrar a solución -uga para o diminutivo procedente do latín -ola, cun o -g- antihiático
A presenza deste -g- antihiático, non é estraño no galego, tanto do léxico (e.g. filloga <filloa) como na toponimia (Quiroga <Queirua).

A PICHA (O Pereiro)
A PICHOCA (O Pereiro)
Tanto "picha" e "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". O apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. dic. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Canto á súa etimoloxía, os vocábulos picho, picha, picheira deben provir dunha voz onomatopeica *picc- ou *bicc- ‘punta, pico’ pola forma bicuda e sobresaínte dos pichos.
Hai cerca de 400 topónimos rexistrados con estes termos.
De "lugar polo que sai a auga" metaforicamente tamén colleu a acepción do órgano sexual masculino, aínda que non parece aplicar nun topónimo.

O PICHÍN (O Pereiro)
Este topónimo pode remitir ao alcume dun antigo posesor, ou tamén remitir directamente a unha fonte ou manancial.
Para Antón Palacios, a interpretación máis probábel sería como alcume (cf. A. Palacio, 2017. "Antropónimos en topónimos galegos", in Verba 75).

Á parte do significado do órgano sexual, pode estar relacionado co apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". 

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra cerca de 400 topónimos rexistrados con estes nomes.Tanto "picha" como "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". 

O PINAR DO FANDELO (Adelán)
Indica o pinar que pertencería antigamente a unha persoa alcumada Fandelo ("frouxo, ruín").

A PINGUELA (Lagoa)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".

O PIÑEIRO (Bacoi, San Pedro Mor, Lagoa)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome. Tanto neste caso como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde.
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón xeralmente eran exemplares illados.

O PINO (Carballido)
Moi probablemente este topónimo remita a "lugar pino" (empinado), sen ter relación ningunha co castelán "pino". 

O PLANTÍO (Lagoa, As Oiras, San Pedro de Mor)
OS PLANTÍOS (O Pereiro)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fanreferencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O PORTO DE SOMEDE (O Pereiro)
O termo "Somede" procede do composto "San Mamede". É o mesmo caso do existente n'As Pontes,  Somede, atestado antigamente como San Mamede.

O POUSO (Adelán, Lagoa, O Pereiro)
Aínda que o termo "pouso" ten múltiplas acepcións, para un topónimo debe aludir á acepción de lugar no que se deixa a carga, andas, féretro, etc. para descansar (cf. E Rivas., 1988. "Frampas, contribución al diccionario gallego").

O POZO DA ONZA (O Pereiro)
Este topónimo é mencionado por Bascuas no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle  a "onza" o significado de "charco". Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.
Ver "A Presa da Onza" para máis detalles.

AS PRADELLAS (Lagoa)
O apelativo pradella é sinónimo de "pastizal". Xeralmente remite a un prado pequeno, dun ou varios propietarios, e que acostuma a manter con abundante auga.

O PRADO DE MEL (Lagoa)
Ver "O Coto de Mel".

OS PRADOS DA PINGUELA (Lagoa)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido".
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".
No contexto deste topónimo, unha zona de prados, encaixa esta acepción.

A PRADIA (As Oiras)
Lugar onde hai (houbo) pradairos.
O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DdD).
En efecto, Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente no Valadouro, Barreiros, Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O PUMARIÑO (As Oiras)
Diminutivo de "pumar", co significado de "finca plantada de maciñeiras (maceiras)".

AS PRAZAS (Bacoi)
O termo "praza", á parte do significado común de "lugar espacioso e público, destinado a paseo, mercado ou festas", tamén remite por veces, no rural, a unha "extensión grande de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos", sinónimo por tanto de "agra".

A PRESA DA ONZA (As Oiras, O Pereiro)
O termo "onza" ten orixe prerromana, máis especificamente céltica, nunha raíz *en-/*on- 'auga, charco'.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Correspondería co mesmo nome de "Illa de Onza" (arquipélago das illas Ons"), orixinado no termo *Aunitiam.
Edelmiro Bascuas menciona explicitamente o topónimo "O Pozo da Onza", no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle o significado indicado de "charco".Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.

A PUMAREGA (Lagoa)
As voces "pumarega" e "pumar" son sinónimas, co significado de "finca plantada de  de árbores froiteiras, maiormente maciñeiras (maceiras)".
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado ao cultivo dos cereais e doutras plantas; así, atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). De feito, "Pumarega" atopámolo na Mariña de Viveiro ata Ribadeo.

As PUMARElAs (Lagoa)
A PUMARIÑA (Lagoa)
Tanto "pumarela" como "pumariña" son diminutivos de "pumar", que remite a unha finca plantada de árbores froiteiras, maiormente maciñeiras (maceiras).
A diferencia importante está en que o diminutivo -ela deixou de ser produtivo no galego moi cedo, en canto que "-iña segue sendo produtivo actualmente. Noutras palabras, ao lugar de "Pumarela" xa lle chaman así desde a Idade Media polo menos.

A QUEIMADELA (Adelán)
Diminutivo antigo de "queima". Posiblemente no sentido de "queima nas actividades de roza". Ver "A ROZA".

AS RANDEAS (Santa Cilla do Valadouro)
Interesante topónimo que nos deixa testemuño do lugar no que se practicaba ese xogo. No dicionario Estraviz véndefinido como "Corda, rede ou galha verde de uma árvore, entretecida e sujeita polos extremos a dous pontos fixos, formando como uma espécie de assento para poder bambear-se". Consérvase o mesmo topónimo noutros lugares, así como "A Randea" en Cervo, en Xove, Foz. Tamén o  recolleu e interpretou deste modo J. A. Palacio (cf. J. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón").

O RAÑAL (Bacoi)
O dicionario define "rañal" como lugar poboado de "raños" ("sorbeiras").
Alternativamente, de lugar de "raña" ("terreo alto e de monte pobre).

O REAL (Adelán, O Pereiro)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.
Tamén pode indicar posesión do rei, tal como o paso dun "Camiño Real", vía de comunicación construída a cargo do Estado.

A REBOLAD(Adelán, Lagoa)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". O portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. Priberam).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria  'carballo'.

O RECANTO (O Pereiro)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

A REGA (Lagoa, San Pedro de Mor)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. DdD).
É xeralmente admitida unha orixe prerromana, dunha forma antigoeuropea  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas aquí.

A REGA DA CARBALLA (Bacoi)
Para "Rega", ver "A REGA".
Canto a "carballa", esta voz designa un carballo grande, centenario.

A REGA DA LEIXE, A REGA DE aLEIXE (Lagoa)
Para "Rega", ver "A REGA".
No Catastro de Ensenada para A Lagoa (1753) está atestadoao describir os muíños, batáns e mazos da freguesía:
 ..."un mazo de tirar fierro al sitio de Leixe" ..

Canto a orixe de "Leixe", probablemente estea referido a un antigo posesor chamado Aleixo, nome derivado do latín Alexius, á súa vez do grego antigo Ἀλέξιος (Alexios).

REGO DA IBIA (As Oiras)
Ver "A IBIA".

REGO DA LAMESTRA (As Oiras)
O termo "lamestra" deriva de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  pode ter a acepción de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, ten un matiz pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Cangas (Foz), "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

REGO DA MADRE (O Pereiro)
O termo "madre" é relativamente frecuente na hidronimia para se referir ao nacemento dunha fonte e tamén a unha canle principal de auga, da que parten outras canles secundarias.
Este mesmo topónimo tamén se atopa na veciña freguesía de Nois.

REGO DE VILAGABE (San Pedro de Mor)
No Catastro de Ensenada para O Castro de Ouro  (1753) está atestado ao describir os muíños da freguesía:
 .."otro al sitio devilla Gave" ..

Ver "VILAGABES".

O REGO DO ARO (O Pereiro)
Probablemente o significado de "Aro" está relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

AS REGOÑAS (Adelán)
O apelativo "regoña", derivado de "rega", é definido no dicionario como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. DdD.

O REIRADO (O Reirado)
Figura atestado como riuum Iratum 'río Iratum', con evolución compositiva análoga á doutros topónimos tais como "Remourelle".
Bascuas interpreta o termo Iratum como procedente da raíz hidronímica paleoeuropea *er- "moverse", na forma *ir- (cf. E. Bascuas, p. 142 de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Por outro lado, Nicandro Ares concorda interpreta "Iratum" como o adxectivo "irado"; nas súas palabras: "non creo que haxa problema no adxectivo iratus aplicado a rivus ‘río’, porque tamén o poeta latino Horacio nomea o mare iratum ‘mar tempestuoso, alborotado, bravo’. Na provincia de Lugo temos Rioaveso (adversus), Riomol (mollis), Riotorto (tortus)." (cf. N. Ares, de "Lucensia", n. 48).

A RETORNA (Lagoa)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

A REVOLTA (
Lagoa)
O termo "revolta" remite unha curva, xeralmente de río. Cf. DdD. Tamén ten esta acepción en portugués (cf. Priberam).
No caso concreto destas terras, queda preto dunha pequena "revolta" do río.

O REXEDOIRO (Carballido)
A REXEDOIRA (Adelán)
Significado e orixe incerta. 
Talvez garde relación coa acción de "rexer" ("gobernar"), e por tanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna.
Igualmente poderíamos pensar nunha deturpación de "roxedoira", relativo ao ruído do lugar, pola auga que discorre ou polo vento ao soprar. Porén, o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra case 60 topónimos Rexedoira/o, Rexedora, Rexidoira/o ou Rexidoura, fronte a uns 50 Ruxida, Ruxidoira/o, Roxedoira/o ou Roxideira/o. Vendo estas cifras, semella improbable que a deturpación Roxedoir@ > Rexedoir@ fose maioritaria, polo que Rexedoira e Rexedoiro(s) semellan ter surxido como tales, e por tanto non teren en xeral relación con "ruxir".

A RIBADA (Lagoa)
Topónimo transparente: unha "ribada", "arribada" ou "ribazo" designa un pequeno terraplén entre dúas fincas. Cf. DdD.

RÍO COVO (Carballido)
O adxectivo "covo" defíneno os dicionarios como "cóncavo, profundo" (cf. DdD). 
Esta interpretación encaixa no caso deste río, relativamente estreito e profundo.

RÍO DA ONZA (Lagoa)
Ver "Presa da Onza".

RÍO DA VILLAGUEIRA (Lagoa)
Ver "A Villagueira".

O RÍO DAS DONAS (As Oiras)
No galego medieval o apelativo "dona" era usado maiormente para as mulleres da nobreza e en particular para para referirse ás monxas, freiras ou abadesas.
Donas, procede do latín medieval dŏmna, redución de domina ‘dama’, que na Idade Media era sinónimo de monxa, freira. 
Rivas Qintas indica tamén o uso no folklore, onde "dona" alude a unha 'ninfa', "con semántica igual a xana" (cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín").

A forma Donas está presente no nome de nove lugares: Casadonas (O Saviñao), Chao das Donas (O Bolo), Donas (Boqueixón), As Donas (Cervo e Friol), Outeiro de Donas (Antas de Ulla), Río das Donas (Alfoz), Vilar de Donas (Palas de Rei) e Vilardonas (Ribas de Sil). Donas tamén é nome de parroquia nos concellos de Gondomar e Boqueixón.

Este topónimo aludiría, xa que logo, a un establecemento cenobio ou convento de freiras que estaría situado a rentes deste río, ou á propiedade eclesiástica sobre este lugar. Tampouco descartaremos, sendo un río, a posible (aínda que non probable) alusión ás ninfas ou xanas, como interpreta tamén Rivas Quintas para unha "Fonte das Donas".

Finalmente, aínda que igualmente posible, tendo en conta a existencia doutros ríos Donas, tales como os que son afluentes do Ulla e do Tambre, podemos pensar nunha orixe hidronímica, un hidrónimo antigo-europeo, formado sobre a raíz indoeuropea *dheu 'fluír, correr'. Edelmiro Bascuas cita como exemplo o Danubio.

RÍO DE GUILFONSO (O Pereiro)
O termo "Guilfonso" é un antropónimo que provén de Vilifonsus,  nome de orixe xermánica.

RÍO DE MASMA (O Pereiro)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma Maseme
Aínda que o significado sexa incerto, debe ter orixe prerromana, dado o sufixo átono "-oma",  forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo". 
J. J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. Onomástica Galega II), co que significaría algo como "o moi húmedo". 

RÍO OURO (Carballido)
O río "Ouro" está documentado na Idade Media como Aurio
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas, Parte I".

Este río deu tamén nome ao topónimo Valadouro, de "Vale do Ouro"

O RIZAL (Lagoa)
O dicionario de Aníbal Otero define "rizal" como "terra na que, despois de cortado o pan en verde, volve a nacer ou retoñar. Dise da terra sementada de verde para que o coma o gado". Cf. DdD.
Por outra banda, Joseph M. Piel ten interpretado este topónimo "Rizal" como zootopónimo, en canto a abundancial de "ourizos". Aínda que non o explica, entendemos que o interpreta como deglutinación de "Ourizal" > O Rizal, do mesmo modo que existen "A Grela" < Agrela (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). 

ROLLE DE ABAIXO (Bacoi)
ROLLE DE ARRIBA (Bacoi)
No Catastro de Ensenada para Bacoi (1753) está atestado o "sitio de Rolle" ao describir os muíños da freguesía.
O topónimo "Rolle" probablemente proveña de (uilla) Rullii, forma en xenitivo de Rullius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
Alternativamente, da formación paralela (uilla) Rudili, de Rudilus, nome de orixe xermánica.
Talvez fose este lugar o que deu orixe ao apelido "Rolle", que se localiza na Mariña luguesa.

ROZA (Bacoi, Lagoa)
A ROZA VELLA (O Pereiro)
AS ROZAS (O Pereiro)
O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos, etc.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. V. Risco, "Terra de Melide").

OS ROZOS (O Castro de Ouro)
Probablemente, sendo ademais unha zona de monte, signifique o mesmo que "roza". Ver "A ROZA".

A RÚA (O Pereiro)

Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’, probablemente a través do francés rue (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico", s.v. rúa)

O RUBEIRO (O Pereiro)
Caracterización "tendendo a rubo"  ("roibo", "vermello") do terreo. Posibelmente indicando terras barrentas. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse case vermellos ("rubais", "rubos") cando florecía en setembro.
Porén, a motivación deste topónimo non fica totalmente clara.
Alternativamente, J. Piel relaciona topónimos similares, tais como "rubiña", co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

A RUBIAL (Lagoa)
Caracterización de "rubia"  ("roiba", "vermella") da terra. Posibelmente indicando terras barrentas, aínda que tamén se atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Alternativamente, J. M. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes ' rocha'.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, "Rubal" en Viveiro, así como o análogo "A Verdeal".

SANTE (Adelán)
De *(uilla) Sancti, forma en xenitivo de Sanctius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. Cf. p. 1163 de N. Ares (2011), "Estudos de toponimia galega". 

SAN PEDRO DE MOR (San Pedro de Mor)

Neste caso, "Mor" deriva de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome de orixe latina.
En efecto, este lugar é citado en 1124 como "sanctus Petrus de Mauri", e coa forma máis evolucionada "Mour" en 1164 "sanctum Petrum de Mour" (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Os remanentes do ditongo -ou- aínda os mantiña no 1631, cando o atopamos atestado como "San Pedro de Moor" no ("Censo de Pecheros"). No século XVIII xa aparece como "Mór" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

A SARA (Bacoi)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
Por outro lado, hai quen o identifica como forma evoluída de "Seara".
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

OS SARNOSOS (O Pereiro
Talvez teña que ver coa enfermidade da "sarna", aludindo a unha fonte con propiedades curativas, como ocorre noutros lugares. 
Alternativamente, talvez se trate d' "Os Arnosos", quer do latín arenosu 'areoso' ou dun hidrónimo prelatino, indicando augas ou correntes de augas. Autores como E. Bascuas relacionan estes topónimos, o mesmo que "Arnela" e "Arneiro", coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- , derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. 

A SEARA (San Pedro de Mor)
No Catastro de Ensenada para O Castro de Ouro  (1753) está atestado ao describir os límites da freguesía:
..."por el porto de rrego de Agua y coto de Gargallos. Por el P. al Marco da Seara y al sitio de Anxeriz y de este al rreferido plantio do Castro"..

Canto á motivación do topónimo, "seara" designa ‘sementeira de cereal’, 'monte de rozas no que se cultiva centeo', así como o de "pedazo de terra cultivada".
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo".  
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que, tanto na parroquia de Chavín (Viveiro) como na de Portocelo (Xove), na de Insua (Ortigueira), conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

O SEIXAO (O Pereiro)
Debe tratarse dun etnónimo, un "(terreo) do seixao", remitindo a ser o posesor  oriúndo do Seixo.

O SERRAPIO (Lagoa)
O termo "serrapio", é definido por Sarmiento como "apretura entre dúas serras". Cf. aquí.
Hai un "Penidos do Xerrapio" en Muras. Aínda tendo unha terminación infrecuente en -apio, o topónimo "Serrapio" está rexistrado en cinco concellos das catro provincias galegas.

SESÍN (Adelán)
De *(uilla) Sesini, forma en xenitivo de Sesinus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Como sempre, nótese que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Alta Idade Media.

AS SESTAS (As Oiras)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a sextas. É un caso análogo aos topónimos "As Tercias", "Cartas", "As Quintas", etc.
Alternativamente, podería remitir a unhas "terras pertencentes a un antigo posesor chamado Sexto".

SISTO (Lagoa)
O SISTO (Adelán)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 
Tradicionalmente foi interpretado como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia con nome de tal posesor para un nome Sistus tan pouco atestado.
No caso do Sisto de Adelán, sendo un núcleo de poboación, podemos interpretar este topónimo como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados (cf.  L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos").

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

A SOLBEIRA (Carballido)
Este topónimo indica un lugar no que abundan as sorbas. Está recollido por Navaza (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponomia galega").
É sinónimo de "sorbeira" e evolucionou a partir del por disimilación de dobre "r".

OS SOLLUDOS (San Pedro de Mor
Aínda que a forma "solludo" non a recollan os dicionarios, compartilla raíz e significado con "solloso", "sollento", indicando un lugar soleado e abrigado.

A SOUTEGA (Carballido)

Probablemente remita á orixe da dona da finca, que sería oriúnda dun lugar chamado Souto. 
O sufixo  -ega, de orixe prerromana, acostuma a usarse ora como abundancial (pallarega, millarega, pomarega, ..) ora para xentilicios (galego,  naviego, ..) ou como caracterizador en xeral (labrego).

O apelativo "souto" vén do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca.

O SOUTO DAS ÁNIMAS (O Pereiro)
As denominacións Lámparas, Aceite, Santísimo, Aniversario, Ánimas, Novena, Responso, entre outras, costuman referirse a terreos que estaban ligados a ofrendas relixiosas. Así se documenta, por exemplo, no caso da provincia de Palencia (cf. G. Ortega, "Sociedad y transmisión oral en la toponimia menor palentina").

O SOUTO DAS CORTIÑAS (Lagoa)
Ver "A CORTIÑA".

O SOUTO DO BALSEGO (Lagoa)
Souto pertencente a unha persoa oriúnda da Balsa, probablemente aludindo ao lugar deste nome existente na freguesía do Cadramón (Valadouro).

O SOUTO DOS FERREIROS (Bacoi)
Tanto "souto" como "ferreiros" son topónimos transparentes. 
Ferreiros, plural de ferreiro, vén do latín ferrarium ‘que ten por oficio traballar o ferro’. Refiriríase por tanto á profesión dos antigos donos ou habitantes do lugar, un oficio relevante na Idade Media e nos séculos posteriores e que conformou tamén un dos gremios máis importantes.
Tanto "souto" como "ferreiros" son  bastante comúns na toponimia galega, así atopamos dez parroquias Ferreiros, dúas Ferreirós (< ferrariŏlos un diminutivo) e preto de cincuenta núcleos de poboación.

AS SUASBARRAS (Adelán)
Composto de "Su as Barras", indicando a situación do lugar 'ao pé das barras',  'pola parte de baixo das barras'. 
En canto a "barras", neste caso posiblemente teña o significado de "bancos de area na entrada do río", ainda que tamén podería ser "parras, emparrados". Cf. DdD.

SUNELLE (Bacoi)
De *(uilla) Sunnelli, forma en xenitivo de Sunnellus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que habería neste lugar. É un nome de orixe xermánica, derivado do protoxermánico *sunna 'sol'.
É de notar que, ao non ser actualmente un núcleo de poboación, queda a dúbida de se existiu no pasado. Polo xeral acostuma ser o caso, se non for, pode referir a un (fundu) Sunnelli.

A TÁBOA DE SOUTO (Adelán)
Aínda que os significados de "táboa" e de "souto" son transparentes, a motivación e interpretación deste topónimo ofrece varias posibilidades, que o volven algo opaco.
Os topónimos Táboa, alén da acepción obvia de madeira,  remiten metaforicamente a fincas chás e rectangulares.
Nalgúns casos, tampouco se pode descartar totalmente unha alusión metaforica relativa a augas mansas, e  está rexistrada en León, para "tabla" como "piélago o agua remansada por un dique o una configuración del terreno, etc, donde se crian bien y se reúnen las truchas" (cf. José M. Canal et al, 1997. "Toponimia de la villa de Sabero" in "Tierras de León, Vol. 36).

No caso que nos ocupa, con "Souto" como determinante, probablemente aluda a un souto produtor de boa madeira para táboas.


TABOI 
(Lagoa)
Posiblemente de (uilla) Tabuloniforma en xenitivo de Tabulonius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Esta hipótese basámola na existencia dun documento de 1062 que refire Sancti Petri de Tabuloni, para unha parroquia de Outeiro de Rei. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.  

Porén, sigue sendo controversa a orixe, xa que no 1062 xa se producira a queda do -l- e do -n-, polo que pode ser una falsa etimoloxía do escribán. 
Se temos en conta a posibilidade do erro do escribán, podemos establecer outras hipóteses, que mencionamos de seguido.
Rexístrase un Tavonius nun epígrafe de Mérida, que  encaixaría como *(uilla) Tavoni.
Alternativamente, de (uilla) Tagoni, sendo Tagonus un nome de orixe indoeuropea, posiblemente paleoeuropea (pre-céltica). Esta é a hipótese que ve máis probable o profesor Bascuas, tanto para este Taboi como para o que existe en Outeiro de Rei, para o cal considera o documento de 1379 como "San Pero de Tavoy". Cf.  p. 65 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
O Nomenclator rexistra outro "Taboi" cercano na Balsa (Muras).

A TARIÑEIRA (As Oiras)
Probablemente, deturpación de "tarañeira", por influxo da nasal palatal. 
O termo "tarañeira" indica 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'. Ten un radical de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos "Taranco" e "Tarancos", estes mesma raíz e cun sufixo -anco tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así un "Tarañeira" en Roupar e outro en Guitiriz, e "Taraños" en Cedeira e Mañón, etc.

AS TEIXOEIRAS  (Lagoa, O Reirado)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos" (cf. DdD).

A TELLEIRA (Adelán)

Lugar no que fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

AS TERCIAS (Lagoa)
Topónimo que alude á partilla de finca efectuada a terzas, ou o terzo da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
É un topónimo frecuente, o Proxecto Toponimia de Galicia rexístrao en Muras, O Vicedo, Viveiro, etc.

A TORNA (O Pereiro)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

O TORNEIRO (O Castro de Ouro)
Sendo unha zona de prados, cremos que a acepción a que refire "torneiro" non é a de "persoa que traballa no torno" senón á de "torneira" (cf. DdD), que significa "lugar no que se desvía a auga dunha canle", e tamén sinónimo de "torno" "chorro de auga".
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A TORRE (Lagoa, San Pedro de Mor)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.
Menéndez de Luarca (2000: 233-234) considera que case todos os 456 topónimos de "torres" poden ser atribuídos ao final da Idade Media (séculos XIV-XV), pois, aínda que algúns sexan de orixe máis antiga, serán reaproveitados con gran frequencia no final da Idade Media.

O TORRELLÓN (Adelán, Lagoa)
A priori, o termo parece derivado de "torre". Sendo un núcleo de poboación, podería ter sido unha torre de vixiancia, ou ben restos de castro. 
Aínda que esa interpretación prevalece, ao non dispormos de documentación antiga do lugar, tampouco podemos deixar de considerar a posibilidade dunha orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse', cun significado semellante ao de "barranco", tal como ocorre no "Torrillón" nas Negradas (cf. Toponimia do Vicedo).

A TRABADA (As Oiras)
Probablemente indique un conxunto ou abundancia de "trabes", que pode ter unha interpretación hidronímica ou outra derivada do latín trabs 'viga'. Ver "AS TRABES" para máis detalles.
Temos tamén na mesma parroquia "Os Prados da Trabada", que fai máis probable a interpretación hidronímica.

AS TRABES  (O Pereiro)
É probábel que os frecuentes topónimos "A Trabe" remitian a unha árbore corpulenta da que se pode obter unha boa trabe (viga), un uso como sinécdoque. Temos por exemplo en Valcarría (Viveiro) un "Souto das Traves" que alude claramente a esta acepción de trabe.
Así, Silveira indica que en portugués "trave" significou en portugués "não só madeiro, mas também árvore que dá madeira” e cita toponimos como "Vale da Trava" e "Vale das Traves" (cf. J. da Silveira, 1940 “Notas sôbre a toponímia do concelho de Nelas”, O Instituto, vol. 97, nº 5). 
Así mesmo, para a toponimia leonesa, Pascual Riesco indícanos que "trabe" tamén se poder referir á ‘árbore productora de vigas’, poñendo o exemplo de Vila-Real
de Tras-os-Montes, onde "trabota" é un ‘castanheiro novo, delgado e direito’ (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Por outro lado, Bascuas apuntou que podería ter nalgúns casos relación co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar "a charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. No entanto, o termo "trabe" admíteo con dúbidas, ao non poder separar os casos relativos a hidrónimos daqueles, aínda que improbables potencialmente existentes, que derivarían do latín trabs/trabis 'viga', o significado "viga" en topónimos (cf. p. 329 de E. Bascuas, 2006.  "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 
Se examinamos os topónimos "Trabe" existentes en Galiza, dáse cunha alta frecuencia en hidrónimos (Poza da Trabe, Río da Trabe, Val da Trabe, Val das Trabes, Fonte das Trabes), o cal parece afirmar a relación de "Trabe" con hidrónimos.Temos tamén na veciña parroquia das Oiras "A Trabada" e "Os Prados da Trabada", que volve máis probable a interpretación hidronímica *traw-.

O TRECE (Carballido)
Entidade de poboación. Segundo Cabeza Quiles, o topónimo "Trece" ten relación co número trece (latín tredecim), relacionado con que no día trece de cada mes se celebraría alí feira. Porén, isto non semella convincente neste o caso, pois non se ten coñecemento de que neste lugar se celebrase mercado ou feira en tal día.
Alternativamente, Bascuas considera, para outro nome de lugar "Trece", que se trataría dun hidrónimo paleoeuropeo, cunha forma en grao cero *tri-, derivado da raíz indoeuropea *ter- ‘refregar, fretar, atravesar’. Así, este topónimo procedería dunha base *trikia, considerando que a forma actual, co final relaxado en -e, sería por confusión co numeral trece (cf. p. 327, 2005. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

A VALIÑA (Adelán, As Oiras, O Pereiro)
AS VALIÑAS  (As Oiras, O Pereiro)
Unha "valiña" designa un "vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. 
A voz vale era de xénero feminino antigamente, de aí esta forma.

O VANZADO (Lagoa)
A grafía correcta sería "banzado".
O dicionario inclúe para "banzado" as acepcións de "represa dun río; depósito, natural ou artificial, nun río", e tamén "presa grande", así como "lousa grande" (cf. DdD)
Por outro lado, podemos interpretalo como derivado de "banzo", o cal define o dicionario como "chanzo, cada un dos degraus dunha escada" (cf. DdD). Na mesma liña semántica, o dicionario portugués é definido como "Cada uma das duas peças paralelas que suportam os degraus duma escada de mão. Cada um dos braços de andor, do esquife, do escano" (cf. Priberam). 
Vemos por tanto unha semántica que apunta para "chantas paralelas" (sexan varas ou laxes). Banzado sería nunha orixe un estilo de presa feita de chantas, que por extensión tomaría o significado de "balsa, presa no río".

O VEDRAL (Lagoa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum. O profesor Navaza fai igualmente esta interpretación destes topónimos, aínda que indica a posibilidade dalgún deles de provir alternativamente dun abundancial de bidro 'bedueiro' ou aínda de vidra 'vástago de vide, videira' (cf. G.G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O VEDRO (As Oiras, Lagoa)
O termo "vedro" é definido en galego como "os vestixios dos valadares de terra, dos cercados antigos dos montes, rozas, estivadas, etc" (Cf. DdD). No portugués antigo tiña un significado similar: "valo, tapume, cómaro con que se cercan os campos e searas"  (s.v. "vedro", in Viterbo, "Elucidário", 1798). 
É de notar, tal como rexistan os dicionarios de galego, que nalgúns lugares "vedro" tomou a acepción máis específica de "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo", aínda que o máis probable é que se trate da acepción xeral indicada previamente.

A VEIGA DA ALGARIA (Adelán)
O apelativo "algara" figura ndicionario de E. Rodríguez coa acepción de "cova, barranco subterráneo". Similarmente, en portugués denomínanse "algar", de orixe árabe, "a cortadura dos montes e a qualquer outra profundidade onde se ajuntam e escondem as águas" (cf. Viterbo), e no portugués moderno "caverna, furna", "cova ou barranco cavado pelas chuvas ou pelas torrentes" (cf. Priberam). Similar acepción ten en castelán.

Por outro lado, o dicionario de Aníbal Otero recolle "algaria" como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Finalmente, podería tratarse tamén dun zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.

Existe ademais un núcleo de poboación chamado "Algariña" en Bacoi, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado. En Santiago temos a rúa Algalia, que na Idade Media foi Algaria.

A VEIGA DE SARILLE (Bacoi)
O nome "Sarille", na forma portuguesa "Sarilhe" foi estudado por Piel, que deriva de Sarili, forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica (cf. p. 303, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II). 
En efecto, posteriormente Piel analiza o topónimo "Saril", que estaría formado a partir da raíz *Sar- que derivaría do gótico sarwa 'armas'. Cf. p. 337, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

A VEIGA DO CADAVAL (Carballido)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

AS VEIGAS DE MARCOI (O Castro de Ouro)
Ver "MARCOI".

VILAÚDE (San Pedro de Mor)
O topónimo desta poboación derivaría dun composto de uilla  altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) do que seguiría un nome de posesor en xenitivo. 
O Nomenclator rexistra tamén as poboacións "Aúde" en Pantón e "Fontedaúde" en Palas de Rei, que referirían a outro posesor de igual nome. No Catastro observamos un Velaude nas Ribeiras do Sor, que debe ter a mesma orixe.
Sen  documentación antiga que o ateste, o nome concreto de posesor tórnase complexo. Podería ser Uilla Utii, forma en xenitivo de Utius. Este nome ten orixe latina, e está presente na epigrafía hispana (cf. aquí).
Alternativamente, tamén poderíamos pensar nun  antropónimo xermánico *Anaulde ou *Alaulde, cun deuterotema -uldus derivado do xermánico *wulthuz 'esplendor', presente noutros como Attauldus,que deu un lugar Ataúde. Esta alternativa encaixaría tamén para as poboacións "Aúde" en Pantón e "Fontedaúde" en Palas de Rei.

VILAGABES (Bacoi)

Este lugar debe corresponder coa "Uilla Gaue" atestada en 1164 "..in sancto Petro de Mor et in uilla Gaue(cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
J. M. Piel interpretou este topónimo Vilagabe como provinte de Gabii, forma en xenitivo de Gabius, referido ao nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica (cf. J. M. Piel,  1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in Verba 11). 
No entanto, Piel seguramente non tivese a transcrición correcta que afortunadamente agora está publicada. Para un -v- intervocálico é probable que nese momento se pronunciase distinto do -b-, e por tanto  a forma "uilla Gaue" pode ser a etimolóxica.
Xa que logo, puido tratarse dunha Uilla Gauii, forma en xenitivo de Gauius, que igualmente remite ao posesor da uilla (granxa, casal) altomedieval. Este nome é de orixe latina - cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", aínda que tamén é interpretado como derivado do xermánico *gawi 'país, comarca'  (cf. M. Costa en blog Frornarea).
En 1848 aínda era un lugar habitado, pois vén rexistrado como "Villagabe" no dicionario de Madoz (cf. P. Madoz, 1848. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico ...").

O VILAR (Adelán, Bacoi, Carballido)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". A acepción recollida por L. Carré é "campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.

A VILLAGUEIRA (As Oiras)
Forma deturpada por "vellegueira". Os termos "vellegueira" e "vellegal" designan un lugar similar a unha "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. DdD.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra unha "Bellegueira" en Ambosores, un "O Bellegueiro" nas Grañas do Sor, etc.

VIXÍN (Adelán)
Probabelmente proveña dunha *(uilla) Bagini, forma en xenitivo de Baginus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Así postula  Cabeza Quiles para o Vixín da Estrada (cf. F. Cabeza, "Toponimia da Estrada"), basándose no atestamento no ano 982 do Cartulario da Sé de Coimbra dun “frater Bagino ts.”. Igualmente en 1010 do mosteiro de Celanova cítase outra persoa chamada Baginu
O paso Baxín > Vixín non presenta problema en galego, pola palatalización de vogais pre-tónicas en presenza de consoante palatal (así Fixoa <Foxoa, filloa < folloa, etc).
Alternativamente, puido tratarse dunha *(uilla) Vigini, forma en xenitivo de Viginus, aínda que descoñecemos atestamentos en Galiza deste antropónimo.

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que isto non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente eses nomes foron populares en Galiza na Alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

o xameao (Adelán)
O nome deste lugar debe remitir a un antigo posesor do lugar chamado Xan Meao.
O adxectivo meao é a forma patrimonial cognada de "mediano", e é frecuente como topónimo, así se rexistra Vilar Meao, Monte Meao, Casal Meao, Valmeao.

O XARDÍN (Carballido)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).
No entanto, algún "Xardín" talvez poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posesor da vila ("explotación agrícola"),  con nome de orixe xermánicaO antropónimo  Sardinus está atestado en Galiza, cf. CODOLGA.

AS XIMARÁS (Lagoa)
Topónimo derivado de (uilla) Uimaranis, forma en xenitivo Uimara, o nome do posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval, nome de orixe xermánica. Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra varios Ximarás: en Viveiro, Muras, Alfoz e Cospeito. Igualmente atopamos Ximará en Viveiro e en Xuances. De orixe similar encontramos Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, Pena de Ximarao, en Cedeira, etc.

O XOGAL (O Pereiro)
Posiblemente se trate dun abundancial de "xoga" (coio, pedra pequena redonda), sinónimo de "xógara". De feito, xógara é un termo usado en toda esa zona, ata Vadés (Asturias), cf. B. Acevedo, 1932. "Vocabulario del bable de occidente").
Na veciña freguesía das Oiras temo tamén un "O XOGRAL".

O XOGRAL (As Oiras)
Este topónimo foi analizado polo eminente J. M. Piel, que o interpretou como 'xograr, trobador', e o mesmo para "Xograis" (Santa Comba).
Poren encaixa mellor interpretalo como variante de "Xogaral", un lugar no que abundan as xógaras, pedras pequenas redondeadas. De feito, xógara é un termo usado en toda esa zona, ata Vadés (Asturias), cf. B. Acevedo, 1932. "Vocabulario del bable de occidente").

Na veciña freguesía do Pereiro temo tamén un "O XOGAL".