sábado, 15 de marzo de 2014

Apuntes de toponimia do Concello de ALFOZ


Imaxe por Vreimunde (flickr)



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________

ABELEDO 
(Adelán)
Topónimo que alude un lugar no que abundan as abeleiras.

A ABELLEIRA (Adelán)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". 
É un topónimo moi común en toda A Mariña, do Vicedo ata Ribadeo.
Ás veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.

ADELÁN (Adelán)
Derivado de (uilla) Atilani, forma en xenitivo de Atila, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Figura atestado como "sanctus Iacobus de Adelani"  en 1124 "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ". 
Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

AGRELA (Lagoa)
Do latín agrella 'pequena agra'.
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". Cf. DdD,
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.

Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AGUÑEIRA (Lagoa)
Posiblemente de "abruñeira", o mesmo que "abruño". 
Así, hai un "Agruñido" en Galdo, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

ALFOZ (Alfoz)

O apelativo "alfoz" indica unha 'zona que queda próxima a unha poboación, ou nos arredores dela'. É unha palabra de orixe árabe, do árabe hispano alhawz. Aínda que de orixe árabe, foi un termo amplamente usado no galego medieval. 
A motivación deste topónimo sería referirse ao alfoz do Ouro. Aparece atestado no 1220, cando Afonso IX outorga aos habitantes do Ourio o privilexio de Benavente:
  ".. Dat autem idem episcopus predicti loci populatoribus quantum habet in termino de Ourio pro alfoz, exceptis ecclesiis cum suis hereditatibus.".

Por outra banda, é interesante a interpretación alternativa que nos dá Miguel Costa, no seu blog VerbaEscrita: podería derivar de Anfilociidecinación en xenitivo do nome Amphilocios, de orixe grega e usado en Galiza na Idade Media: 'uillare ubi habitauit auio nostro Anfelacio' (Celanova, ano 936).


ALGARIÑA (Bacoi)
Diminutivo de "algaria" ou de "algara".
O apelativo "algaria" figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Por outro lado, podería tratarse un zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas, para "algaria" e "algaira" a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.
Tamén podería encaixar o apelativo "algara" na acepción de "cova, barranco subterráneo" que recolle o dicionario de E. Rodríguez. Descoñecemos a existencia de tal cova ou barranco nese lugar.
Finalmente, tratandose dun núcleo de poboación, tampouco podemos descartar a acepción de "tropa de xente, correría, escaramuza", presente tamén en portugués "Incursão militar feita em terra inimiga" e en castelán, e derivado do árabe hispano alḡára, e este do clásico الغارة al-ḡārah. Para "algaria" tamén aparece similar significado metaforicamente "bandada moi compacta de sardiñas".

O Nomenclator rexistra ademais un núcleo de poboación chamado "A Veiga da Algaria" en Adelán, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado.

O AMARELO (San Pedro de Mor)
Orixe incerta.
Podería derivar do adxectivo no sentido de "(agro) amarelo".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

OS ANELLOS (Lagoa)
Cremos que o topónimo "Anellos" non ten que ver co termo castelán anillos, senón que posiblemente teña a orixe no tema pre-latino* ann-, que Bascuas  liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "Anilleira", "Anellada", "Anido" e "Aneiro". 

ANXERIZ DE ARRIBA (O Castro de Ouro)
ANXERIZ DE ABAIXO (O Castro de Ouro)
De (uilla) Anserici, forma en xenitivo de Ansericus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval(granxa, explotación agrícola). É unnome de orixe xermánica.

AS ANXARICES (Lagoa)
De "as (terras) de Anxeriz", posiblemente por ser o seu antigo posesor, oriúndo da poboación dese nome.

A ARCA CAVADA (O Pereiro)
Lugar onde houbo ou hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.
Neste caso, ao ser unha arca cavada, parece indicar claramente o caso dunha mámoa que foi escavada.

A ARNELA (O Pereiro) 

Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería inicialmente un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 
O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. DdD.  Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de "canaleta para conducir a auga" citado antes.
Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Ademais, isto non explicaría os "Arnoia" por exemplo.
O Nomenclator rexistra unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

OS ARUXOS  (O Pereiro)

O topónimo "Aruxos" é de orixe prerromana, e relacionado con correntes de auga. Bascuas derívao de *aruwio, da raíz hidronímica indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A AZOREIRA (Lagoa)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

BACOI (Bacoi)

De *(uilla) Vacconii, forma en xenitivo de Vacconius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. Cf. aquí.
Figura atestado como "sancta Maria de Baconi"  en 1124:
   "In terra de Aurio post partem sedis sanctus Iacobus de Adelani sanctus Sebastianus sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ". 

O BARBEITO  (Carballido)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARCIA (Adelán)
AS BARCIAS (Lagoa)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río. 
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

O BATÁN (Lagoa)
Do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BELANDAL (Carballido)
Derivado, con deglutinación, de "abelendal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-endo + -al) non son frecuente, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc.
Existe tamén un "Beladal" en Mañón, un "Valadás" en Melide e un "Baladás" en Chavín e en Valdoviño. 

BELOI (Lagoa)
De *(uilla) Bellonii, forma en xenitivo de Bellonius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 
En efecto, Piel explica os topónimos galegos "Beloi", "Veloi" como procedentes do nome latino Bellonius, en concorrencia cunha base *Vellonius (cf. p. 45 de J. M. Piel "Nomes de possessores latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa", 1948).
No entanto, é de notar que, aínda sen haber dúbidas sobre que se trata dun antropónimo, un nomen possessoris, si as hai sobre a orixe concreta do antropónimo. De feito, noutro artigo, o propio Piel indica as varias alternativas sen pronunciarse por ningunha. Cf. páx. 229 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

O BIDUÍDO (Carballido)
Lugar onde abundan os bidueiros.

OS BIEITOS (O Castro de Ouro)

Prados antigamente pertencentes a Bieito, ou á familia de Bieito.

BOADE (O Pereiro)
Etimoloxía incerta. 
Podería provir de *(fundus) Bovati, forma en xenitivo de Bovatus, nome do antigo posesor, cunha orixe prerromana (cf. p. 35 de Verba num. 30  aquí), ou a partir dun cognomen latino da mesma forma Bovatus (cf. A. Rodríguez Colmenero aquí).

OS BREDETES (As Oiras)
De "vedretes", diminutivo de "vedro". Ver "O VEDRO".

O BUSTELO (O Pereiro)
Este lugar está atestado como "Bustellono 922 nun privilexio de Ordoño II (cf. "España Sagrada").

O termo "bustelo", diminutivo de "busto", alude a lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.

O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Navaza afirma que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza, "Toponimia de Catoira"). Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto protocéltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. blog Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

O CACHÓN (As Oiras)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (As Oiras)
CADAVEDO (O Pereiro)
Un "cadaval" ou "cadavedo" remite a un lugar no que abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

CALISTO (Adelán)
Topónimo que alude ao nome dun antigo posesor.

A CAMBA (Adelán)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varias acepcións, todas relacionadas con "cousa curva", como "peza curva da roda do carro", así como a de "val" (cf. dicionario de  Cuveiro Piñol, 1876). Existe tamén
 o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. aquí.

O CAMBEIRO (Adelán)
Probablemente alude ao alcume dun antigo posesor do predio, facendo referencia ás características das pernas e ao modo de andar. É formado a partir da base camb-, a mesma de cambelo / cambela e cambés/cambesa (‘estevado, de pernas tortas’) e de cambelas, na frase "facer cambelas" ‘facer eses ó andar’ (cf. DdD).
É un topónimo relativamente frecuente, así nesta área atopámolo en Silán (Muras) e mais en Rúa (Cervo).

Por outro lado, o termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. RAG), aínda que encaixan pior como topónimo ("gancho"; "caínzo").


Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

A CAMPA DE PEDRA (O Castro de Ouro)
O topónimo "Campa" remite aquí a unha "campiña no monte" que, de feito neste caso, ten afloramentos rochosos.
En efecto, aínda que o termo "campa" ten outras acepcións recollidas nos dicionarios de galego, debemos interpretar que se remite a unha "campiña no monte" ou "lugar onde medra espontaneamente a herba, prado de pasto". 

Esta voz "campa" deriva de "campo", sendo a forma en femenino indicando un maior tamaño (cf. sacho-sacha).


AS CAMPELAS (Lagoa)
A voz "campela" é o diminutivo de "campa", derivado de "campo".
O dicionario de Constantino García recolle "campela" como "camposa" e tamén como "prado pequeno".
Se a interpretamos puramente coa acepción de "campa" en diminutivo, entón pode aludir a unha pequena "campiña no monte". 

O CAMPO VERDE (Lagoa)
Neste topónimo, correspondente a un núcleo de poboación, o
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "campo de cor verde".  O adxectivo "verde", alén do significado relativo á cor, achega ao nome do lugar connotacións de vizosidade, fertilidade. Indica Navaza que "debeu de aludir en orixe á flora do lugar, aínda que os topónimos en que está presente este adxectivo non constitúan propriamente fitotopónimos" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, tampouco se pode descartar que algún "Verde" da toponimia derive dunha forma en xenitivo Viridii, Virdii ou Vertii, remitindo a un antigo posesor chamado Viridius, Virdius ou Vertius, tal como teñen indicado Nicandro Ares ou X. L. Gª Arias.

O CAMPÓN (Carballido, O Castro de Ouro)

O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. 
Cf. DdD.

A CANDA (Lagoa)
AS CANDAS (Lagoa, O Pereiro)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

CANDAÍNZOS (Carballido)
De "(agros) candaínzos", agros onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CARROCIDE (Lagoa)
Probablemente "carrocide" sexa unha deturpación de "carracide", o cal remite a un lugar no que  abundan os carrizos ("canaveiras").

A CASA DE BASANTA (Adelán)
Basanta é o apelido do antigo posesor. É un apelido de orixe prelatina, co elemento indoeuropeo "-nt-".

A CASA DE CANDIA (O Pereiro)

Probablemente se trate dun antropónimo de orixe prerromana, de *Kandena 'a branca', da raíz indoeuropea *kand- 'brillante'.

O CASAL (Lagoa, Carballido)

OS CASÁS (Adelán)
Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASTRO DE OURO (O Castro de Ouro)
Topónimo que alude á localización do castro ao pé do río Ouro. 
Ver "Río Ouro".

O CAXIGAL (O Pereiro)
Un "caxigal" remite a un lugar onde abundan os caxigos.

O CELEIRO VELLO (O Pereiro)
O topónimo "Celeiro" vén do latín tardío cellarium, e faría referencia a "edificación para despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". 
Na Idade Media, estas construcións eran parte do entorno dunha casa rural, granxa ou entidade monástica. A súa función era de lugares para a conservación e procesamento de produtos, maiormente cereais e viño, para o cal dispoñían de arcas para gardar a gra e cubas para gardar o viño (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Hai autores que postulan se os "celeiro"  poderían facer referencia aos hórreos de tipoloxía galega. A documentación medieval existente fai rexeitar esta suposición, se ben, tal como indica Xaime Varela, a que nalgúns casos poderían ter esta acepción, e de feito actualmente "celeiro" pode ser sinónimo de "hórreo" na lingua galega (cf. p. 202, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

O CELEIROTE (O Pereiro)
O topónimo "Celeirote" é un derivado en diminutivo ou despectivo de "Celeiro", do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Ver "O CELEIRO VELLO".

CENTOI (Lagoa)
Este topónimo, aínda que non ofreza dúbida a súa orixe nun "nomen possessoris" dunha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola), e que se trate dun nome de orixe xermánica, hai varias alternativas para a orixe concreta.
Podería derivar de *(uilla) Sendoni, dun antigo posesor chamado Sendo(ne),  nome de orixe xermánica. A evolución Cendoi > Centoi non semella difícil,  quer por atracción de "cento", ou simplemente pola evolución neste caso para "t" do son xermánico "th".
Tería a mesma orixe que a do topónimo "Vilancedoi" de Bocamaos, para o que  Nicandro Ares indica que está rexistrado como Vila Sendoni  no ano 760 (cf. p. 928 de N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega").
Alternativamente, podería vir de *(uilla) Kintoi, dunha raíz xermánica *kind-, tal como xa J. M. Piel e D. Kremer, no seu "Hispano-gotisches Namenbuch" vencellaron xa os topónimos do estilo Cendoi, Cendón, etc.  

Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente os nomes desa orixe foron populares na Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

CERDEIRIDO (Bacoi)
Topónimo que alude a un lugar plantado con cerdeiras.

O CERRADO DOS CÁDAVOS (O Pereiro)
A voz "cádavo" designa os cepos dos toxos en pé, que permanecen nun toxal queimado. Cf. DdD.

A CHAFARICA (Lagoa, Carballido)
Probablemente "Chafarica" se deba interpretar, igual que "chafarico", como "casopa, cabana" neste contexto.
O termo "chafarica" non está rexistrado no dicionarios de galego, aínda que si "chafarico" 'casopa, tenderete' (cf. Estraviz). Porén, "chafarica" si se rexistra en portugués, co significado de 'taberna, baiuca'.
Tampouco podemos desbotar unha interpretación como sinónimo de "chafariz" 'fonte', pois tanto a chafariz como a chafarica se lles asigna unha procedencia no apelativo árabe hispano  ihrīǧ 'fonte, poza'.
Como se indica ao comezo, cremos que debe interpretarse como "casopa, cabana" neste contexto, xa que, dada a súa ocorrencia en plural noutros na xeografía galega (e.g. en Xermade), non parece probábel que nun pasado existisen varias tabernas no mesmo lugar.

O CHAO DA ESQUEIRA (Adelán)
Unha "esqueira" é, polo xeral, sinónimo de "escada". Semella que a interpretación deste topónimo sería na acepción existente de "esqueira" como "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.

O CHAO DA PASADA (O Pereiro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". 

O CHIVADOIRO (Adelán)
O termo "chivadoiro", grafía alternativa de "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. DdD.

AS CHOUSAS DO CELEIROTE (O Pereiro)
Ver "O CELEIROTE".

O COCHÓN (San Pedro de Mor)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.

CONCHOUSO (Bacoi)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum 'horta pechada'.

A CORA (O Pereiro)
O nome deste lugar podería ter unha orixe na raíz prelatina *kor-.
Outra hipótese sería a de "lugar de cora",  co sentido de "lugar onde se fai a actividade da cora", con "cora" significando "actividade de dar cor" (aos tecidos), palabra tamén existente en portugués con este significado.
Existe outro "Cora" en Valcarría (Viveiro).

CORBITE (Adelán)
De (uilla) Corvitti, forma en xenitivo de *Corvittus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 

A CORTIÑA (Lagoa, As Oiras)
AS CORTIÑAS (Bacoi)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum,   ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA DA ROZA (O Pereiro)
Ver "A Roza".

A COSTELA (As Oiras)
AS COSTELAS (O Pereiro)
O termo "costela", do latín *costanĕlla diminutivo de *costana, á súa vez derivado de costa, ludindo por tanto a un terreo costento.
Este diminutivo -ela, derivado do latín –ĕlla (feminino de –ĕllu), foi totalmente substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, este topónimo debe ter unha orixe medieval ou anterior.

A COSTOIRA (O Castro de Ouro)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles,  ver entrada no blog Pena da Cataverna.

O COTO DE FREIXIDO (As Oiras, O Pereiro)
O termo "freixido" indica un lugar onde abundan as árbores chamadas "freixos".

O COTO DE MEL (Lagoa)
Probablemente "Mel" non teña nada que ver co apelativo "mel" das abellas, senón cun antropónimo. Podería derivar de Merii, Mellii, ou Gemelii, formas en xenitivo dos nomes de persoa Merius, Mellus e Gemelius, respectivamente.
O primeiro candidato sería Merius, tendo en conta que para o topónimo "Soutomel" (A Bola), figura atestado como Saltu Meri (cf. P. Martínez, 2010, "Toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas ..").
Por outro lado, "Vilamel"  foi estudado por J. Piel, que deriva de Villa Mellii, lugar dun posesor chamado Mellius. Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico" (1984), in Verba 11.
No entanto, tampouco se pode descartar que derive da forma prerromana indoeuropea, probablemente celta *mel- 'colina', que encaixa obviamente neste caso.

O COTO DE  PORCASADO (As Oiras)
Posiblemente, lugar pertencente a unha persoa chamada "Pero Casado" (sendo Pero a forma antiga por Pedro), do mesmo modo que existe un "Peicasado" en Carballido, que proviría de "Paio Casado".
Alternativamente, de "Porto Casado" ('porto de Casado'). Un "porto" designa neste caso un porto de montaña, que encaixa sendo un coto.

O COTO DO CACHÓN (O Pereiro)
Ver "O Cachón".

O COTO DO MACHO (O Pereiro)

Probablemente, neste contexto o termo "macho" derive do latín marculum 'martelo pequeno', e posiblemente sexa referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. 
Alternativamente, aínda que menos probábel, de Marculus, diminutivo de Marcus, nome de persoa. Porén, descoñecemos rexistros desta ocorrencia.
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo, a non ser como alcume.

O COTO DO VALDOVÍN (As Oiras)
Neste caso, moi probablemente a grafía correcta sería "Baldovín", derivado de Baldovinus, antropónimo de orixe xermánica.
Tampouco se pode descartar, o mesmo que ocorre no caso do "Valdoviño" da Coruña, que proceda de "Val do Avín", onde "avín" tería orixe nun hidrónimo paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *ab- (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 2002). 

O COTO DOS ESVEDROS (O Pereiro)
Lugar onde abundarían os esvedros (cast. "madroño").
O Nomenclator rexistra un "Esvedral" no Vicedo, outro en Mañón e un "Esvidral" en Vieiro.

A COVELA (O Pereiro)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVELO (Lagoa)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo" como de "cubo", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

A CROA (O Pereiro)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

O CUCHAREGO (O Pereiro)
Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
Non cremos que teña relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña.
É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

AS CURRIPAS (O Pereiro)
Unha "curripa" é un "carreiro estreito". 
Nalgunhas zonas tamén se aplica a un pequeno cercado, de pedras ou chantos, no souto, onde botan as castañas para que acaben de secar.

O ESCAIRO (Lagoa)

O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

A ESCOURA (Adelán)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén a "pedra da cor do ferro".

ESMORIZ (Bacoi)
De (uilla) Hermerici, forma en xenitivo de Hermericus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. Esta interpretación é sostida por M. Costa Frornarea.

Esta disimilación é interesante porque reforza a interpretación que fixo J. M. Piel para Vilaresmo < Vilar Ermo (cf. J. Piel, 1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11).

O ESPIDO (Carballido)
Topónimo que alude a un lugar no que abundan os espiños. O nome tería evoluído do latín spinitu  > *espiido > espido. De feito, perviven varios topónimos "espindo", dous deles en Foircarei, varios en Portugal, etc.
En Galiza o Nomenclator rexistra varios topónimos "Espido": no Vicedo,  en Curtis (A Coruña), en Monforte, en Meira, etc.
Unha orixe alternativa sería a referencia a "terreo espido", a terra pouco fértil e sen cultivos.

A ESTIBADA (O Pereiro)
AS ESTIBADAS (O Pereiro)
OS ESTIBADOS (Adelán)
Grafía alternativa por "estivada" e "estivado" respectivamente.
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega".

FACHELAS (Adelán)
Diminutivo de "facha". O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos". Cf. X. L. Franco DdD.
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 

En canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas  derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido "cruce" entre  facula  'fachuzo' e de fascis 'feixe'.

FAIÁN DE ABAIXO (O Pereiro)
FAIÁN DE ARRIBA (O Pereiro)
De *(uilla) Fagilani, forma en xenitivo de Fagila, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

FERRADÁS (O Pereiro)
Este lugar está atestado como "Ferratalesno 922 nun privilexio de Ordoño II (cf. "España Sagrada").
O nome corresponde co plural de "ferradal", e alude á abundancia de augas ferruxinosas, as cales xa en latín eran referidas como  "ferratae aquae".
Para máis detalles, ver entrada de blog "O Ferradal e os Ferradás".

Os topónimos "Ferradal" e "Ferradás" abundan en Galiza, atopamos máis de medio cento de referencias (Nomenclator). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz. 

O FERROL (Carballido)
O termo Ferrol procede dunha (uilla) Ferreoli, de Ferreolus. Ao levar artigo, quédanos a dúbida de que podería referir a un fundador oriúndo doutro Ferrol, por exemplo o lugar da Rigueira (Xove).
Aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123 de N. Ares "Estudos de toponimia galega".

O Nomenclator rexistra outros "Ferrol" próximos, como o de San Xusto de Cabarcos (Barreiros) e en Xove.

A FOCELLA (O Pereiro)
Diminutivo de "foz". Unha "foz" é unha "desembocadura de río", e tamén un "desfiladeiro". Cf. DdD.

O FOGUEIRAL (Adelán)
O nome deste monte alude a un lugar no que acendían fogueiras. Xa que logo,  ten unha orixe similar aos múltiplos montes chamados "Faro" e "Facho".
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro". 

AS FOIAS (Lagoa)
O apelativo "foia" ten a mesma orixe que "foxa", do latín fovea, e indica unha furada. Os dicionarios danlle a "foia" a especialización semántica de "foxo para facer carbón" (cf. DdD). 

FONTE DAS FERRADAS (O Pereiro)
O nome alude probablemente a "fonte das augas ferradas". Ver entrada para "Ferradás" para máis detalle.

FONTE DE CAO (O Pereiro)
Fonte asociada a unha persoa apelidada "Cao". 
O apelido "Cao" provén do latín canus, relativo a unha persoa con canas, co pelo branco.

A FONTE DE MONDRIZ (Adelán)
O termo "Mondriz" deriva de (uilla) Monderici, forma en xenitivo de Mondericus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

A FONTE DE POLLOS (Lagoa)
O termo "pollo" é a forma local do estandar "piollo". Probablemente a motivación sexa á presenza de augas ferruxinosas, que serían recomendadas para exterminar os piollos.

A FONTE DO COUSO DE ABAIXO (O Castro de Ouro)
A FONTE DO COUSO DE ARRIBA (O Castro de Ouro)
Un "couso", do latín medieval causu, ten múltiplas acepcións, tales como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena". Acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  moitas veces referindo a un foxo para caza de alimarias (maiormente lobos). Esta é a acepción que mellor parece encaixar para o topónimo, na falta de información que o confirme ou o desminta.
É un topónimo moi frecuente en Galiza e no contorno, como no Valadouro, Muras, Viveiro. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado indicado é claramente o indicado.

FONTE PERNAL (Lagoa)

Os topónimos "Fonte Pernal" son relativamente frecuentes na xeografía galega, e alén dela tamén en Asturias, Cantabria.
No "Vocabulario del bable de occidente (1932), de B. Acevedo e  M. Fernández,  é definida unha "fonte pernal" como "fonte que non seca, perenal".
Tamén  Abelardo Moralejo interpretou igualmente Fompernal de Triacastela e "Fonte Pernal" de Noia,  como derivados do latín perennis 'perenne', no senso de "que non seca" (cf. p. 106 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").

A FONTE VITORNA (O Pereiro)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

FONTELOS, OS (Lagoa)

A voz "fontelo" remitiría a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).
Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.
É unha forma derivada de "fontao" ou "fontá" 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -elo. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do baixo latín fontanellu. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenlo", así como "Fontaelo", que o Nomenclator rexistra en Foz e Xove.

OS FOZADOIROS (Adelán)
Semella relacionado con "fozar", quer por porcos domésticos ou, probablemete, nunha zona onde terían abundado os porcos bravos.
Atopamos un topónimo análogo "Fozadorios" en Salas (Asturias).

O FORNO DO CAL (As Oiras, O Pereiro)
Unha "caleira" ou "forno de cal" era o lugar onde se queimaba pedra calcaria para producir o cal. Era unha construción de muros de pedra, aberta pola parte superior.
As pedras calcarias introducíanse no forno conformando unha bóveda, e deixando un oco central para prender o lume. O forno cubríase con grandes lousas.
O forno tiña unha abertura na base para introducir o combustible (leña, queirogas, toxos, carbón). O lume era mantido uns dous días e medio, consumindo unha tremenda cantidade de combustible (ata 60 carros de toxo, cf. aquí). Este inxente traballo de manter o lume precisaba de varias persoas, facendo quendas día e noite.
Rematada a calcinación, e unha vez arrefriado, extraíanse as pedras, brancas pola calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas en po.
O cal era usado para facer cemento, pintar ou branquear paredes, para abonar, correxindo a acidez do solo, para branquear a roupa, etc.

O FORO (Lagoa)

Topónimo que alude a unhas terras que estiveron suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FOXO (Adelán, As Oiras)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: 
    ".. era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras" (cf. Elucidário).
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)
É interesante notar a diferencia entre "foxo"  e "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DAS CURUXEIRAS  (O Pereiro)
Unha "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa por tanto un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metafóricamente, indicaría un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

A FRAGA DAS GALIÑAS (O Pereiro)

Aínda que podería referirse a algunha lenda sobre galiñas, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)-  'rocha'. Ver entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas.

AS FREIXA(O Pereiro)

Unha "freixa" designa unha "fervenza, cadoiro".  Tén outra acepción, menos probábel, que é a de "freixo". Cf. DdD.

GABIÁN (Lagoa)
Topónimo de orixe incerta. 
Piel indicou para os toponimos equivalentes portugueses Gavião que na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina. Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabillani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un antropónimo de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
En canto ao nome de posesor ao que se refire, tamén se interpreta como Gaudilani, forma en xenitivo de Gaudila, igualmente de orixe xermánica. Cf. M. Costa, blog Frornarea.

GAIÁN (Lagoa)
Probablemente de (fundus) Gaudilani, forma en xenitivo de Gaudila, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa, blog Frornarea.
Por outro lado, Rivas Quintas postula unha orixe nun posesor Gaviani. (cf. E. Rivas, 1991. "Onomástica persoal do Noroeste hispánico".
Alternativamente, de (fundus) Gaudiani, forma en xenitivo de Gaudianus, hipocorístico de Gaudius ou nome do antigo posesor, nome de orixe latina.

A GOLPILLEIRA (San Pedro de Mor, Bacoi)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
É un topónimo frecuente en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

O GORBIDAL (Bacoi)
Probablemente "lugar onde hai gorbas",  o mesmo que "grova", palabra de orixe xermánica co significado de "barranco profundo, foxo, cárcava". Cf. DdD.
Porén, tampouco podemos desbotar unha orixe en "Agro Vidal". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos" fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica tamén este caso Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

A IBIA (Lagoa)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga'. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Similarmente  atribúe García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García. "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 


É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón"  'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí Moisés Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").

A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e  "-ón" son  típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".2002).

A presenza do artigo indícanos que se preservou como apelativo no romance.

Semella encaixar a orografía coa acepción do aragonés ibón, no sentido de que se trata dunha zona non moi grande, que fai cunca, que podería encharcarse. De feito, este Ibia semella estar situado nunha pequena chaira, onde talvez apozaría a auga, e algo parecido ocorre co "Ibia" de S. Xusto de Cabarcos (Barreiros).

Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así, hai "Rego da Ibia" en Oiras, outra "Ibia" no Valadouro, "Ibia" en Barreiros, etc.

A INSUA (As Oiras, O Pereiro)
Do latín insula 'illa'. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a illa ou península formada nun río, ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos"

A LAGOA (Bacoi)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).
No século XVIII atopamos este lugar atestado como "Lagôa" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

AS LAMÉSTREGAS (O Pereiro)
Os termos "lamestra", "laméstrega" e "laméstrica" derivan de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, tamén de orixe prelatina corresponde co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Laméstricas" en Muras, "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

AS LAMIGUEIRA(O Pereiro)

Unha "lamigueira" designa un "lugar onde abunda a lama". 
Tén outra acepción, menos probable para un topónimo, de árbore "lamigueiro", tamén chamado "lodeiro", "lotus", ou tamén o populus alba, o álamo branco ou o álamo negro.

O LAVANCO (Lagoa)
Probablemente deba interpretarse como "pedra grande", acepción rexistrada para "labanco" (cf. DdD A. Otero "Algunas adiciones al léxico hispánico", CEG XXIV).
Por outro lado, os dicionarios de galego tamén recollen para "lavanco" a acepción de "especie de parrulos". Non cremos que debamos interpretalo como lugar onde abundan tales aves, pois non son frecuentes os topónimos que referencien a un paxaro en singular. Ademais,  tampouco encaixaría para o topónimo en femenino "A Lavanca" existente en Ribadeo. 

Penso que a etimoloxía debe estar relacionada con "labia" 'losa, roca plana rasante con el terreno',  que rexistra Rivas Quintas (cf. DdD E. Rivas. "Frampas"), tamén presente na toponimia galega. Rivas relaciona labia coa forma lábena de Asturias e Santander, e  dálle unha orixe celta, igual que laxe (< hispano-latino lágena, cf. Corominas DCECH, s.v. laja). 

Por outro lado, para Rivas, "Labancos" deriva das raíces precélticas   *lav-*nav-, que designarían "lugares alagados" (cf. E. Rivas. "Natureza, toponimia e fala"). Tamén indica "labanca" como pedra grande, desde unha base *lav- ‘pedra escorregadiza’.
Tendo en conta que en Sarria existe un "Pozo de Labianca", penso que semella derivar máis ben de *lapidanca, a partir do baixo atín lapide (< lat. lapis, lapidis), co sufixo prerromano -anca, que se mantivo activo no romance.

Finalmente, Corominas interpreta "lavanco" como resultado dunha disimilación por "navanco" (cf. J. Corominas DCECH, s.v. lavanco), derivado do apelativo de orixe prerromana "nava" 'lugar pantanoso en despoboado', de aí deriva que o frecuentasen os parrulos bravíos. No entanto, ten pouco sentido toponímico, polo menos no caso do topónimo "Lavanciños" en Barreiros, que exista un pequeno lugar que sexa un conxunto de navas. O mesmo acontece co  topónimo Lavanqueira, tamén en Barreiros.

AS LEAS (Bacoi)
Posiblemente de orixe prerromana, da forma indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'.  Estaría relacionado con outros topónimos como  "Ribeiras de Lea" ou o asturiano "Llena". 
Alternativamente, podería ter relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', aínda que non parece ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

O LOURIDO (San Pedro Mor)
Un "lourido" remite a un lugar no que abundan os loureiros.

O MACHUCO (Lagoa)
OS MACHUCOS (As Oiras)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río. 
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe en tantos topónimos, incluíndo os múltiples "Muíño do Machuco".

O MAESO (O Castro de Ouro)
O termo "Maeso" é unha forma antiga para "mestre". Cf. DdD.
O Nomenclator rexistra tamén en Barreiros unha "Cortiña da Maesa".

MARCOI (Lagoa)
Posiblemente de (fundus) Marcoiun antigo posesor chamado Marcoi, nome de orixe xermánica.
Alternativamente, de (fundus) Marconii, un antigo posesor chamado Marconius, nome rexistrado por Solin (cf. S. Heikki & O. Salomies. "Repertorium nominum gentilium et cognominum latinorum". 1988). 

MARTILLE (Lagoa)
De (uilla) Martilii, forma en xenitivo de Martilius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. 

AS MEDELAS (O Pereiro)
O termo "medela" é diminutivo de "meda", que significa "morea de mollos de cereal segado", aínda que tamén se pode referir a "mámoa". 
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar.

MEIXIDE (Bacoi)
Probablemente de (uilla) Maxiti, forma en xenitivo de Maxitus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina, documentado no ano 951 (cf. J. Piel "Lateinisches Namengut in portugiesischen und galizischen Ortsnamen").
No entanto, o mesmo Piel indica as hipóteses alternativas de se referir ao nome Magitus ou Megitus, e incluso tamén o interpreta como "ameixide" 'lugar onde abundan as ameixeiras'. 
Outros autores sosteñen esta última hipótese. Tendo en conta que a maioría dos topónimos "Meixide" corresponden con núcleos de poboación, e que existe un "Vilameixide", a interpretación indicada de nome possessor parece máis probable que a de "ameixide".
No caso concreto deste lugar de Bacoi, sendo "Meixide" un núcleo de poboación, tamén parece moi firme a hipótese inicial.

O MEIXÓN (O Pereiro)
OS MEIXÓS (O Pereiro)
O nome "meixón" pode ser unha deturpación de "o ameixón", derivado do verbo ameixoar 'xuntar as ovellas, as galiñas'. De feito, o portugués conserva "ameijoada" 'lugar onde o gado passa a noite'. Neste sentido, xa Piel postulaba a orixe no latín mansione, no sentido de "lugar onde se xunta e recolle o gado". Navaza concorda igualmente con esta interretación (cf. p. 51 de G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, podería indicar a abundancia do "meixón" (a cría da anguía).
O Nomenclator de Galiza rexistra outros "Meixón", por exemplo o de Ortigueira.

AS MOAS (Adelán)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".

AS MÓDEAS (Lagoa)
O termo "modia" refírese moitas veces a "mámoa" ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un "outeiro", a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

OS MONTES DE COSTOIRO (O Pereiro)
Ver "A COSTOIRA".

OS MONTES DE ESCOURIDAL (O Pereiro)
Un "escouridal" remite a un terreo onde abunda a "escoura". 
Ver "A ESCOURA".

OS MONTES DO CALVELO (O Pereiro)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.
Este topónimo probablemente corresponda co "Ralvello" atestado no 922 nun privilexio de Ordoño II, que sitúa entre Bustello e Ferratales (actuais Bustelo e Ferradás) (cf. "España Sagrada"). A forma "Ralvello" é apenas un erro de transcrición.

MOSQUEIRO SALGUEIRO (O Pereiro)
OS MOSQUEIROS (As Oiras)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

MUÍÑO DO MACHUCO (Lagoa)
Ver "O MACHUCO".

OS NOVÁS (Adelán)
Topónimo que alude a "os (agros) novás", forma plural de "noval", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.

AS OIRAS (As Oiras)
O nome desta parroquia xa figura atestado en 1164 como Aurias:
   ... sanctum Petrum de Mour cum omni iure suo et cum omni regali uoce parrochianorum ipsius ecclesie et cum cautis per termninos eius in circuitu per locum uidelicet de Aurias ..." cf. GMH.
Figura atestado como "San Mamed das Oyras" no "Censo de la Sal" de 1631.
É un hidrónimo de orixe prerromana, que podería ter feito referencia un "tramo de río, ribeira".  En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). Esta é tamén a orixe de topónimos similares como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio (cf. pp. 476 e 477 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17).

Este topónimo é moi interesante, ao mostrar illado o elemento "Oira", usado como apelativo no galego inicial. Por tanto, semella indicar que, en topónimos como "Valoira", "Longoira", o elemento "-oira" non se trataría dun mero sufixo, senón que podemos interpretalo como  hidrónimo prerromano, o mesmo que ocorre con "O Gregorio e A Gorgoria", que detallamos no blog "A Pena da Cataverna".

A ORDEN (Adelán)
Este topónimo podería remitir a unha Orde relixiosa ou militar, ou alternativamente pode tratarse dun hidrónimo de orixe prerromana.
En efecto, foi analizado por E. Bascuas, asignándolle, unha posible orixe no tema hidronímico antigoeuropeo*ord-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Cf. p. 133 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". No entanto, non o indica como seguro. En palabras de Bascuas: "Es natural considerarlo como singular correspondiente a Ordines, pero quizás en algún caso se refiera a tal o cual Orden religiosa o militar".
Por outro lado, Cabeza Quiles relaciona os topónimos "A Orde" con posesións ou mosteiros da orde Bieita (cf. F. Cabeza Quiles.   "Toponimia de Galicia").

PADRIÑÁN (Bacoi)
De *(uilla) Patriniani, forma en xenitivo de Patrinianus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Este nome ten orixe latina, derivado de Paternus
Tamén podería derivar da formación paralela (uilla) Paterniani,  xenitivo de Paternianus, tamén derivado de Paternus

A PALLOZA (O Pereiro)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. Era preciso renovar cada 15 anos con palla nova  o teito (un grosor duns 40cm, cf. aquí). 
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando este lugar se comezou a denominar así, os teitos de palla xa se tornaran infrecuentes.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

A PANDA (As Oiras, O Pereiro)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PARROCHA (Bacoi)
Para un topónimo, a voz "parrocha" encaixa na acepción recollida no dicionario Estraviz de "cabana, casoupa para guardar ferramentas ou para abrigar-se". Tería unha orixe prelatina, talvez remitindo a cercado, horto, celeiro, e relacionada con outros topónimos como Parga (<Parrica).
Tamén podemos interpretar "parrocha" como forma despectiva para se referir a unha parra ou parreira.

A PASADA (Bacoi)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, Burela, Mañón, Viveiro, Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

OS PATEIROS (Lagoa)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, a gran maioría delas non aplicables doadamente para un topónimo.
Cremos que a más probable é a rexistrada por Aníbal Otero no Rizal de "pequeño almiar que se hace en las labrantías con el trigo o centeno, antes de llevarlo para la era" (cf. A. Otero. "Contribución al léxico gallego y asturiano, Archivum". 1964).
Tampouco podemos desbotar que se trate dun abundancial, dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos. En efecto, Joseph Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

O PEICASADO (Carballido)
Posiblemente, lugar pertencente a unha persoa chamada Paio Casado, do mesmo modo que existe un , do mesmo modo que existe un "Porcasado" nas Oiras, que proviría de "Paio Casado", e mais un Peipérez nas Oiras (< Paio Pérez), ou un "Peiméndez" en Viveiro.
Alternativamente, de "Peago Casado" ('peago de Casado'). Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 

O PEIMOURO (Adelán)
Probablemente remite a unha persoa chamada Paio Mouro, do mesmo modo que existe un Peipérez nas Oiras ou un Peiméndez en Viveiro.
Alternativamente, de "Peago Mouro". Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 
Semella difícil, sen coñecermos documentación antiga, escoller unha das dúas hipóteses. Ademais, é importante notar a existencia dunha "Fonte de Peimouro" e un "Lago de Peimouro", que parecen apuntar para que este significado de "piago mouro".

PEIPÉREZ (As Oiras)
Probablemente remite a un lugar pertencente a unha persoa chamada "Paio Peres", do mesmo modo que existe un "Peiméndez" en Viveiro.
Alternativamente, de "Peago Peres" ('peago de Peres'). Un "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

PEIZÁS (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
O termo "peizás", o mesmo que "painzás", é o plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo.

PENA ALBEIRA (O Pereiro)
O adxectivo "albeiro" indica "de cor tirando a branco" ou "de cor moi branca". Se observamos esta pena, semella confirmar esta interpretación, aínda que sexa tamén posíbel interpretar o topónimo como orixinado na raíz prerromana *alb-/*alp- 'altura, monte'.

A PENA CAPELUDA (As Oiras)

A PENA CAPILUDA (As Oiras)
Este topónimo remite á forma da pena. É pois un uso metafórico de "capela", diminutivo de "capa", indicando a forma de sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
Amais desta Capeluda, o Nomenclator rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del.

PENA DAS BANZAS (As Oiras, O Pereiro)
O termo "banza" é definido nos dicionarios de A. Otero e de X. L. Franco como "respaldo de banco, encosto" (cf. DdD). A interpretación máis plausíbel coidamos que sería a súa forma en esqueira ou encun grande ribazo.

PENA DO BISPO (Carballido)
O termo "Bispo", 
do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A PENA HEDRA (O Pereiro)
Topónimo transparente, aludindo a unha pena cuberta por hedra. É unha alusión igual á da "Pena Hedrada" (Xove), coa única diferencia de que no caso que nos ocupa, a voz "hedra" actúa como adxectivo. É unha formación análoga á da "Pena Musga" (Xermade), con "musga" significando "musgada".

A PENA GRANDE DO ESCOURIDO (As Oiras)
Un "escourido" remite a un terreo onde abunda a "escoura". 
Ver "A Escoura".

A PENA MONTAGABE  (As Oiras)
O termo "Montagabe" é probablemente o composto de "Monte Gabe", do cal "Gabe" proviría de 
Gauii, forma en xenitivo de Gauius, ou tamén Gabii, xenitivo de Gabius.

Ver "VILAGABES" para máis detalles.

A PENA MOSQUEIRA (As Oiras)
Podería estar orixinado pola existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. DdD.
Alternativamente, sinónimo de "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

O PENIDO VERDE (Adelán)
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "penedo de cor verde".  O adxectivo "verde", alén do significado relativo á cor, achega ao nome do lugar connotacións de vizosidade, fertilidade. 
Ver "CAMPO VERDE" para máis consideracións.

A PEREIRUGA (Adelán)
A forma "pereiruga" do latín pirariola 'pereira pequena'. 
É un topónimo interesante por rexistrar a solución -uga para o diminutivo procedente do latín -ola. É forma cognada das outras rexistradas na comarca -oa, -oá, así como -úa en Ribadeo. 
A presenza do -g- antihiático, non é estraño no galego, tanto do léxico (e.g. filloga <filloa) como na toponimia (Quiroga <Queirua).

A PICHA (O Pereiro)
A PICHOCA (O Pereiro)
Tanto "picha" e "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". O apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. dic. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados con estes termos.
De "lugar polo que sai a auga" metaforicamente tamén colleu a acepción do órgano sexual masculino, aínda que non parece aplicar nun topónimo.

O PICHÍN (O Pereiro)
Á parte do significado do órgano sexual, pode estar relacionado co apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados , todos co sentido de "lugar polo que sai a auga".
Tanto "picha" e "pichoca" están relacionados co "lugar polo que sai a auga". 

O PINAR DO FANDELO (Adelán)
Indica o pinar que pertencería antigamente a unha persoa alcumada Fandelo ("frouxo, ruín").

A PINGUELA (Lagoa)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".

O PIÑEIRO (Bacoi, San Pedro Mor, Lagoa)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome. 
Tanto neste caso como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. Tampouco se pode descartar que, aínda que figure en singular, se refira a un piñeiral e non a unha única árbore. 

O PINO (Carballido)
Moi probablemente este topónimo remita a "lugar pino" (empinado), sen ter relación ningunha co castelán "pino". 

O PLANTÍO (Lagoa, As Oiras, San Pedro de Mor)
OS PLANTÍOS (O Pereiro)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Posiblemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.

Por outro lado, 
Marqués Valea recolle a acepción de ‘terreo de castiñeiros’ na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

O PORTO DE SOMEDE (O Pereiro)
O termo "Somede" é o composto de "San Mamede". Aínda que non coñecemos probas documentais neste caso, si as hai para o existente n'As Pontes,  Somede de San Mamede.

O POZO DA ONZA (O Pereiro)
Este topónimo é mencionado por Bascuas no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle  a "onza" o significado de "charco". Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.
Ver "A Presa da Onza" para máis detalles.

O PRADO DE MEL (Lagoa)
Ver "O Coto de Mel".

OS PRADOS DA PINGUELA (Lagoa)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido".
Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".
No contexto deste topónimo, unha zona de prados, encaixa esta acepción.

A PRADIA (As Oiras)
Lugar onde hai (houbo) pradairos.
O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DdD).
En efecto, Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente no Valadouro, Barreiros, Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O PUMARIÑO (As Oiras)
Diminutivo de "pumar", co significado de "finca plantada de maciñeiras (maceiras)".

A PRESA DA ONZA (As Oiras, O Pereiro)
O termo "onza" ten orixe prerromana, máis especificamente céltica, nunha raíz *en-/*on- 'auga, charco'.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Correspondería co mesmo nome de "Illa de Onza" (arquipélago das illas Ons"), orixinado no termo *Aunitiam.
Edelmiro Bascuas menciona explicitamente o topónimo "O Pozo da Onza", no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle o significado indicado de "charco".Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.

A PUMAREGA (Lagoa)
As voces "pumarega" e "pumar" son sinónimas, co significado de "finca plantada de  de árbores froiteiras, maiormente maciñeiras (maceiras)".
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). De feito, "Pumarega" atopámolo na Mariña de Viveiro ata Ribadeo.

As PUMARElAs (Lagoa)
A PUMARIÑA (Lagoa)
Tanto "pumarela" como "pumariña" son diminutivos de "pumar", que remite a unha finca plantada de árbores froiteiras, maiormente maciñeiras (maceiras)".
A diferencia importante está en que o diminutivo -ela deixou de ser produtivo no galego moi cedo, en canto que "-iña segue sendo produtivo actualmente. Noutras palabras, ao lugar de "Pumarela" xa lle chaman así desde a Idade Media polo menos.

A QUEIMADELA (Adelán)
Diminutivo antigo de "queima". Posiblemente no sentido de "queima nas actividades de roza". Ver "A ROZA".

O RAÑAL (Bacoi)
O dicionario define "rañal" como lugar poboado de "raños" ("sorbeiras").
Alternativamente, de lugar de "raña" ("terreo alto e de monte pobre).

O REAL (Adelán, O Pereiro)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.
Tamén pode indicar posesión do rei, tal como o paso dun "Camiño Real", vía de comunicación construída a cargo do Estado.

A REBOLAD(Adelán, Lagoa)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". O portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. Priberam).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria  'carballo'.

O RECANTO (O Pereiro)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

A REGA (Lagoa, San Pedro de Mor)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. DdD).
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha forma antigoeuropea  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas aquí.

A REGA DA CARBALLA (Bacoi)
Para "Rega", ver "A REGA".
Canto a "carballa", esta voz designa un carballo grande, centenario.

A REGA DA LEIXE, A REGA DE aLEIXE (Lagoa)
Para "Rega", ver "A REGA".
Canto a "Leixe", probablemente estea referido a un antigo posesor chamado Aleixo, nome derivado do latín Alexius, á súa vez do grego antigo Ἀλέξιος (Alexios).

REGO DA IBIA (As Oiras)
Ver "A IBIA".

REGO DA LAMESTRA (As Oiras)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Cangas (Foz), "As Lamestras" en Morás (Xove), etc.

REGO DE VILAGABE (San Pedro de Mor)
Ver "VILAGABES".

O REGO DO ARO (O Pereiro)
Probablemente o significado de "Aro" está relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

AS REGOÑAS (Adelán)
O apelativo "regoña", derivado de "rega", é definido no dicionario como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. DdD.

O REIRADO (O Reirado)
Figura atestado como riuum Iratum 'río Iratum', con evolución compositiva análoga á doutros topónimos tais como "Remourelle".
Bascuas interpreta o termo Iratum como procedente da raíz hidronímica paleoeuropea *er- "moverse", na forma *ir- (cf. E. Bascuas, p. 142 de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Nicandro Ares concorda coa mesma orixe riuum Iratum, aínda que interpreta "Iratum" como o adxectivo "irado", nas súas palabras: "non creo que
haxa problema no adxectivo iratus aplicado a rivus ‘río’, porque tamén
o poeta latino Horacio nomea o mare iratum ‘mar tempestuoso,
alborotado, bravo’. Na provincia de Lugo temos Rioaveso
(adversus), Riomol (mollis), Riotorto (tortus)." (cf. N. Ares, de "Lucensia", n. 48).

A RETORNA (Lagoa)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

A REVOLTA (
Lagoa)
O termo "revolta" remite unha curva, xeralmente de río. Cf. DdD. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. Priberam

O REXEDOIRO (Carballido)
A REXEDOIRA (Adelán)
Significado e orixe incerta. 
Talvez garde relación coa acción de "rexer" ("gobernar"), e por tanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna.
Igualmente poderíamos pensar nunha deturpación de "roxedoira", relativo ao ruído do lugar, pola auga que discorre ou polo vento ao soprar. Lembremos que a voz "ruxidoira" é sinónimo de fervenza.
O Nomenclator rexistra case 60 topónimos Rexedoira/o, Rexedora, Rexidoira/o ou Rexidoura, fronte a uns 50 Ruxida, Ruxidoira/o, Roxedoira/o ou Roxideira/o. Vendo estas cifras, semella improbable que a deturpación Roxedoir@ > Rexedoir@ fose maioritaria, polo que Rexedoira e Rexedoiro(s) semellan ter surxido como tales, e por tanto non teren en xeral relación con "ruxir".

A RIBADA (Lagoa)
Topónimo transparente: unha "ribada", "arribada" ou "ribazo" designa un pequeno terraplén entre dúas fincas. Cf. DdD.

RÍO COVO (Carballido)
O adxectivo "covo" defíneno os dicionarios como "cóncavo, profundo" (cf. DdD). 
Esta interpretación encaixa no caso deste río, relativamente estreito e profundo.

RÍO DA ONZA (Lagoa)
Ver "Presa da Onza".

RÍO DA VILLAGUEIRA (Lagoa)
Ver "A Villagueira".

O RÍO DAS DONAS (As Oiras)
No galego medieval o apelativo "dona" era usado maiormente para as mulleres da nobreza e para para referirse ás monxas, freiras ou abadesas.
Rivas Qintas indica tamén o uso no folklore, onde "dona" alude a unha 'ninfa', "con semántica igual a xana" (cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín").
Este topónimo aludiría, xa que logo, a un establecemento cenobio ou convento de freiras que estaría situado a rentes deste río, ou tamén á propiedade eclesiástica sobre este lugar. Tampouco descartaremos, sendo un río, a posible (aínda que non probable) alusión ás ninfas ou xanas, como interpreta tamén Rivas Quintas para unha "Fonte das Donas".
Finalmente, aínda que igualmente posible, tendo en conta a existencia doutros ríos Donas, tales como os que son afluentes do Ulla e do Tambre, podemos pensar nunha orixe hidronímica, un hidrónimo antigo-europeo, formado sobre a raíz indoeuropea *dheu 'fluír, correr'. Edelmiro Bascuas cita como exemplo o Danubio.

RÍO DE GUILFONSO (O Pereiro)
O termo "Guilfonso" é un antropónimo que provén de Vilifonsus,  nome de orixe xermánica.

RÍO DE MASMA (O Pereiro)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma Maseme
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono "-oma", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo". 
J. J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. Onomástica Galega II), co que significaría algo como "o moi húmedo". 

RÍO OURO (Carballido)
O río "Ouro" está documentado na Idade Media como Aurio
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do río Ourubio (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea. 
Non cremos probábel a interpretación doutros autores como F. Villar, que relacionaron este topónimo co latín aureum, "de ouro", "dourado" (cf. aquí, aínda que Villar interpreta Ourubio do mesmo modo que aquí facemos).
Este río deu tamén nome ao topónimo Valadouro, de "Vale do Ouro"

O RIZAL (Lagoa)
O dicionario de Aníbal Otero define "rizal" como "terra na que, despois de cortado o pan en verde, volve a nacer ou retoñar. Dise da terra sementada de verde para que o coma o gado". Cf. DdD.
Por outra banda, Joseph M. Piel ten interpretado este topónimo "Rizal" como zootopónimo, en canto a abundancial de "ourizos". Aínda que non o explica, entendemos que o interpreta como deglutinación de "Ourizal" > O Rizal, do mesmo modo que existen "A Grela" < Agrela (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). 

ROLLE DE ABAIXO (Bacoi)
ROLLE DE ARRIBA (Bacoi)
O topónimo "Rolle" probablemente proveña de (uilla) Rullii, forma en xenitivo de Rullius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
Alternativamente, da formación paralela (uilla) Rudili, de Rudilus, nome de orixe xermánica.
Talvez fose este lugar o que deu orixe ao apelido "Rolle", que se localiza na Mariña luguesa.

ROZA (Bacoi, Lagoa)
A ROZA VELLA (O Pereiro)
AS ROZAS (O Pereiro)
O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos, etc.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. V. Risco, "Terra de Melide").

OS ROZOS (O Castro de Ouro)
Probablemente, sendo ademais unha zona de monte, signifique o mesmo que "roza". Ver "A ROZA".

A RÚA (O Pereiro)

Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’, probablemente a través do francés rue (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico", s.v. rúa)

O RUBEIRO (O Pereiro)
Caracterización "tendendo a rubo"  ("roibo", "vermello") do terreo. Posibelmente indicando terras barrentas. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse case vermellos ("rubais", "rubos") cando florecía a queiroga en setembro.
Porén, a motivación deste topónimo non fica totalmente clara.
Alternativamente, J. Piel relaciona topónimos similares, tais como "rubiña", co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

A RUBIAL (Lagoa)
Caracterización de "rubia"  ("roiba", "vermella") da terra. Posibelmente indicando terras barrentas, aínda que tamén se atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Alternativamente, J. M. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes ' rocha'.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, "Rubal" en Viveiro, así como o análogo "A Verdeal".

SANTE (Adelán)
De *(uilla) Sancti, forma en xenitivo de Sanctius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina. Cf. p. 1163 de N. Ares (2011), "Estudos de toponimia galega". 

SAN PEDRO DE MOR (San Pedro de Mor)

Neste caso, "Mor" deriva de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome de orixe romana.
En efecto, este lugar xa é citado en 1124 como "sanctus Petrus de Mauri", e coa forma máis evolucionada "Mour" en 1164 "sanctum Petrum de Mour" (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Os remanentes do ditongo -ou- aínda os mantiña no 1631, cando o atopamos atestado como "San Pedro de Moor" no ("Censo de Pecheros"). No século XVIII aparece como "Mór" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

A SARA (Bacoi)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
Por outro lado, hai quen o relaciona como forma evoluída de "Seara".
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

OS SARNOSOS (O Pereiro
Talvez non teña que ver coa enfermidade da "sarna", senón que se trata de "Os Arnosos", un hidrónimo, indicando augas ou correntes de augas. Autores como E. Bascuas relacionan estes topónimos, o mesmo que "Arnela" e "Arneiro", coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- , derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. 

A SEARA (San Pedro de Mor)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

O SEIXAO (O Pereiro)
Posiblemente indicando "terreo no que abundan os seixos".
Alternativamente, aínda que improbable, podería derivar de "San Xiao", proveniente de Sanctu Iulianu. Sería un caso análogo ao de "Seivane".

O SERRAPIO (Lagoa)
O termo "serrapio", é definido por Sarmiento como "apretura entre dúas serras". Cf. aquí.
Hai un "Penidos do Xerrapio" en Muras. Aínda tendo unha terminación infrecuente en -apio, o topónimo "Serrapio" está rexistrado en cinco concellos das catro provincias galegas.

SESÍN (Adelán)
De *(uilla) Sesini, forma en xenitivo de Sesinus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Como sempre, nótese que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

AS SESTAS (As Oiras)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a sextas.
Alternativamente, de "terras pertencentes a un antigo posesor chamado Sexto ou Sixto".

SISTO (Lagoa)
O SISTO (Adelán)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 
Tradicionalmente foi interpretado como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtusdada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.
No caso do Sisto de Adelán, sendo un núcleo de poboación, podemos interpretar este topónimo como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados (cf.  L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos").

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

A SOLBEIRA (Carballido)
Este topónimo indica un lugar no que abundan as sorbas. Está recollido por Navaza (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponomia galega").
É sinónimo de "sorbeira", e evolucionou a partir del por disimilación de dobre "r".

OS SOLLUDOS (San Pedro de Mor
Aínda que a forma "solludo" non a recollan os dicionarios, é moi probablemente da mesma orixe e con significado similar a "solloso", "sollento", indicando un lugar soleado e abrigado.

A SOUTEGA (Carballido)

Derivado de "souto", co sufixo  "-ega", de orixe prerromana.
O apelativo "souto" vén do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca.

O SOUTO DAS CORTIÑAS (Lagoa)
Ver "A CORTIÑA".

O SOUTO DO BALSEGO (Lagoa)
Souto pertencente a unha persoa oriúnda da Balsa, probablemente aludindo ao lugar deste nome existente na freguesía do Cadramón (Valadouro).

O SOUTO DOS FERREIROS (Bacoi)
Tanto "souto" como "ferreiros" son topónimos transparentes. 
Ferreiros, plural de ferreiro, vén do latín ferrarium ‘que ten por oficio traballar o ferro’. Refiriríase por tanto á profesión dos antigos donos ou habitantes do lugar, un oficio relevante na Idade Media e nos séculos posteriores e que conformou tamén un dos gremios máis importantes.
Tanto "souto" como "ferreiros" son topónimos bastante comúns. Na toponimia galega atopamos dez parroquias Ferreiros, dúas Ferreirós (< ferrariŏlos un diminutivo) e preto de cincuenta núcleos de poboación.

AS SUASBARRAS (Adelán)
Composto de "Su as Barras", indicando a situación do lugar 'ao pé das barras',  'pola parte de baixo das barras'. 
En canto a "barras", neste caso posiblemente teña o significado de "bancos de area na entrada do río", ainda que tamén podería ser "parras, emparrados". Cf. DdD.

SUNELLE (Bacoi)
De *(uilla) Sunnelli, forma en xenitivo de Sunnellus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que habería neste lugar. É un nome de orixe xermánica, derivado do protoxermánico *sunna 'sol'.
É de notar que, ao non ser actualmente un núcleo de poboación, queda a dúbida de se existiu no pasado. Polo xeral acostuma ser o caso, se non for, pode referir a un (fundu) Sunnelli.

A TÁBOA DE SOUTO (Adelán)
Aínda que os significados de "táboa" e de "souto" son transparentes, a motivación e interpretación deste topónimo ofrece varias posibilidades, que o volven algo opaco.
Os topónimos Táboa, alén da acepción obvia de madeira,  poden remitir metaforicamente a fincas chás e rectangulares.
Nalgúns casos, tampouco se pode descartar totalmente outra alusión metaforica relativa a augas mansas, aínda que está rexistrada en León, para "tabla" como "piélago o agua remansada por un dique o una configuración del terreno, etc, donde se crian bien y se reúnen las truchas" (cf. José M. Canal et al, 1997. "Toponimia de la villa de Sabero" in "Tierras de León, Vol. 36).

No caso que nos ocupa, con "Souto" como determinante, probablemente aluda a un souto produtor de boa madeira para táboas.


TABOI 
(Lagoa)
Posiblemente de (uilla) Tabuloniforma en xenitivo de Tabulonius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Esta hipótese basámola na existencia dun documento de 1062 que refire Sancti Petri de Tabuloni, para unha parroquia de Outeiro de Rei. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.  

Porén, sigue sendo controversa a orixe, xa que no 1062 xa se producira a queda do -l- e do -n-, polo que pode ser una falsa etimoloxía do escribán. 
Se temos en conta a posibilidade do erro do escribán, podemos establecer outras hipóteses, que mencionamos de seguido.
Rexístrase un Tavonius nun epígrafe de Mérida, que  encaixaría como *(uilla) Tavoni.
Alternativamente, de (uilla) Tagoni, sendo Tagonus un nome de orixe indoeuropea, posiblemente paleoeuropea (pre-céltica). Esta é a hipótese que ve máis probable o profesor Bascuas, tanto para este Taboi como para o que existe en Outeiro de Rei, para o cal considera o documento de 1379 como "San Pero de Tavoy". Cf.  p. 65 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
O Nomenclator rexistra outro "Taboi" cercano na Balsa (Muras).

A TARIÑEIRA (As Oiras)
Probablemente, deturpación de "tarañeira". 
O termo "tarañeira" indica 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'. É de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos "Taranco" e "Tarancos", coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así un "Tarañeira" en Roupar e outro en Guitiriz, e "Taraños" en Cedeira e Mañón, etc.

A TELLEIRA (Adelán)

Lugar no que fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

AS TERCIAS (Lagoa)
Topónimo que alude á partilla de finca efectuada a terzas, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
É un topónimo frecuente, o Nomenclator rexístrao en Muras, O Vicedo, Viveiro, etc.

A TORNA (O Pereiro)
Os topónimos  "Torna", "Torno",  "Retorno", "Retorna" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Neste caso, está nunha zona de prados, o cal confirma o anterior.

O TORNEIRO (O Castro de Ouro)
Sendo unha zona de prados, cremos que a acepción a que refire "torneiro" non é a de "persoa que traballa no torno" senón á de "torneira" (cf. DdD), que significa "lugar no que se desvía a auga dunha canle", e tamén sinónimo de "torno" "chorro de auga".
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A TORRE (Lagoa, San Pedro de Mor)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

O TORRELLÓN (Adelán, Lagoa)
A priori, o termo parece derivado de "torre". Sendo un núcleo de poboación, podería ter sido unha torre de vixiancia, ou ben restos de castro. 
Aínda que esa interpretación prevalece, ao non dispormos de documentación antiga do lugar, tampouco podemos deixar de considerar a posibilidade dunha orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse', cun significado semellante ao de "barranco", tal como ocorre no "Torrillón" nas Negradas (cf. Toponimia do Vicedo).

A TRABADA (As Oiras)
Probablemente indique un conxunto ou abundancia de "trabes", que pode ter unha interpretación hidronímica ou outra derivada do latín trabs 'viga'. Ver "AS TRABES" para máis detalles.
Temos tamén na mesma parroquia "Os Prados da Trabada", que fai máis probable a interpretación hidronímica.

AS TRABES  (O Pereiro)
Edelmiro Bascuas estudou estes topónimos e apunta a unha relación co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar "a charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. O termo "trabe" admíteo con dúbidas, ao non poder separar os casos relativos a hidrónimos daqueles, potencialmente existentes, que derivarían do latín trabs/trabis 'viga', aínda que vendo improbable o significado "viga" en topónimos. Cf.  p. 329 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Se examinamos os topónimos "Trabe" existentes en Galiza, dáse cunha alta frecuencia en hidrónimos (Poza da Trabe, Río da Trabe, Val da Trabe, Val das Trabes, Fonte das Trabes), o cal parece afirmar a relación de "Trabe" con hidrónimos.


Temos tamén na veciña parroquia das Oiras "A Trabada" e "Os Prados da Trabada", que volve máis probable a interpretación hidronímica *traw-.

Existe "Trabazos" en Muras, claramente hidrónimo (de *Trawatio).

Por outro lado, outros autores interprétano como árbore que dá trabes. Así, Silveira indica que en portugués "trave" significou en portugués "não só madeiro, mas também árvore que dá madeira” e cita toponimos como "Vale da Trava" e "Vale das Traves" (cf. J. da Silveira, 1940 “Notas sôbre a toponímia do concelho de Nelas”, O Instituto, vol. 97, nº 5). 

Así mesmo, para a toponimia leonesa, Pascual Riesco indícanos que "trabe" tamén se podeer referir á ‘árbore productora de vigas’, poñendo o exemplo de Vila-Real de Tras-os-Montes, onde "trabota" é un ‘castanheiro novo, delgado e direito’ (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

O TRECE (Carballido)
Entidade de poboación. Segundo Cabeza Quiles, o topónimo "Trece" ten relación co número trece (latín tredecim), relacionado con que no día trece de cada mes se celebraría alí feira. Porén, isto non semella convincente, polo menos neste o caso, pois non se ten coñecemento de que neste lugar se celebrase mercado ou feira en tal día.
Alternativamente, Bascuas considera, para outro nome de lugar "Trece", que se trataría dun hidrónimo paleoeuropeo, cunha forma en grao cero *tri-, derivado da raíz indoeuropea *ter- ‘refregar, fretar, atravesar’. Así, este topónimo procedería dunha base *trikia, considerando que a forma actual, co final relaxado en -e, sería por confusión co numeral trece (cf. p. 327, 2005. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

A VALIÑA (Adelán, As Oiras, O Pereiro)
AS VALIÑAS  (As Oiras, O Pereiro)
Unha "valiña" é un "vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. 
A voz vale era de xénero feminino antigamente, de aí esta forma.

O VANZADO (Lagoa)
A grafía correcta sería "banzado".
O dicionario inclúe para "banzado" as acepcións de "represa dun río; depósito, natural ou artificial, nun río", e tamén "presa grande", así como "lousa grande" (cf. DdD)
Por outro lado, podemos interpretalo como derivado de "banzo", o cal define o dicionario como "chanzo, cada un dos degraus dunha escada" (cf. DdD). Na mesma liña semántica, o dicionario portugués é definido como "Cada uma das duas peças paralelas que suportam os degraus duma escada de mão. Cada um dos braços de andor, do esquife, do escano" (cf. Priberam). 
Vemos por tanto unha semántica que apunta para "chantas paralelas" (sexan varas ou laxes). Banzado sería nunha orixe un estilo de presa feita de chantas, que por extensión tomaría o significado de "balsa, presa no río".

O VEDRAL (Lagoa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O VEDRO (As Oiras, Lagoa)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

A VEIGA DA ALGARIA (Adelán)
O apelativo "algara" figura ndicionario de E. Rodríguez coa acepción de "cova, barranco subterráneo". Similarmente, en portugués denomínanse "algar", de orixe árabe, "a cortadura dos montes e a qualquer outra profundidade onde se ajuntam e escondem as águas" (cf. Viterbo), e no portugués moderno "caverna, furna", "cova ou barranco cavado pelas chuvas ou pelas torrentes" (cf. Priberam). Similar acepción ten en castelán.

Por outro lado, o dicionario de Aníbal Otero recolle "algaria" como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando, o cal encaixa ao tratarse dunha veiga.
Finalmente, podería tratarse tamén dun zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén pode encaixar nun topónimo.

Existe ademais un núcleo de poboación chamado "Algariña" en Bacoi, así como "A Alcaira" en Mañón, que podería tamén estar relacionado. En Santiago temos a rúa Algalia, que na Idade Media foi Algaria.

A VEIGA DE SARILLE (Bacoi)
O nome "Sarille", na forma portuguesa "Sarilhe" foi estudado por Piel, que deriva de Sarili, forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica (cf. p. 303, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II). 
En efecto, posteriormente Piel analiza o topónimo "Saril", que estaría formado a partir da raíz *Sar- que derivaría do gótico sarwa 'armas'. Cf. p. 337, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

A VEIGA DO CADAVAL (Carballido)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

AS VEIGAS DE MARCOI (O Castro de Ouro)
Ver "MARCOI".

VILAÚDE (San Pedro de Mor)
O topónimo desta poboación derivaría dun composto de uilla  altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) do que seguiría un nome de posesor en xenitivo. 
O Nomenclator rexistra tamén as poboacións "Aúde" en Pantón e "Fontedaúde" en Palas de Rei, que referirían a outro posesor de igual nome.
Sen  documentación antiga que o ateste, o nome concreto de posesor tórnase complexo. Podería ser Uilla Utii, forma en xenitivo de Utius. Este nome ten orixe latina, e está presente na epigrafía hispana (cf. aquí).
Alternativamente, tamén poderíamos pensar nun  antropónimo xermánico *Anaulde ou *Alaulde, cun deuterotema -uldus derivado do xermánico *wulthuz 'esplendor', presente noutros como Atauldus, Sesuldus, Sinuldus. Esta alternativa encaixaría tamén para as poboacións "Aúde" en Pantón e "Fontedaúde" en Palas de Rei.

VILAGABES (Bacoi)

Este lugar debe corresponder coa "Uilla Gaue" atestada en 1164 "..in sancto Petro de Mor et in uilla Gaue(cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
J. M. Piel interpretou este topónimo Vilagabe como provinte de Gabii, forma en xenitivo de Gabius, referido ao nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica (cf. J. M. Piel,  1984. "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in Verba 11). 
No entanto, Piel seguramente non tivese a transcrición correcta que afortunadamente agora está publicada. Para un -v- intervocálico é probable que nese momento se pronunciase distinto do -b-, e por tanto  a forma "uilla Gaue" pode ser a etimolóxica.
Xa que logo, puido tratarse dunha Uilla Gauii, forma en xenitivo de Gauius, que igualmente remite ao posesor da uilla (granxa, casal) altomedieval. Este nome é de orixe latina - cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", aínda que tamén é interpretado como derivado do xermánico *gawi 'país, comarca'  (cf. M. Costa en blog Frornarea).
En 1848 aínda era un lugar habitado, pois vén rexistrado como "Villagabe" no dicionario de Madoz (cf. P. Madoz, 1848. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico ...").

O VILAR (Adelán, Bacoi, Carballido)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". A acepción recollida por L. Carré é "campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.

A VILLAGUEIRA (As Oiras)
Forma deturpada por "vellegueira". O termo "vellegueira" é sinónimo de "vellegal". Un "bellegal" ou "vellegal" designa algo similar a unha "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. DdD.
O Nomenclator rexistra unha "Bellegueira" en Ambosores, un "O Bellegueiro" nas Grañas do Sor, etc.

VIXÍN (Adelán)
De *(uilla) Vigini, forma en xenitivo de Viginus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
É un nome de orixe xermánica, derivado do protoxermánico   *wigaz 'loitador'.
Como nos demais topónimos con etimoloxía xermánica, é importante notar que non indica que o posesor fose desa orixe, simplemente eses nomes foron populares en Galiza na Alta Idade Media. O que si nos indica é a antigüidade do lugar, tendo en conta que tales nomes deixaron de usarse a partir do século XI (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O XARDÍN (Carballido)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).
No entanto, algún "Xardín" talvez poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posesor da vila ("explotación agrícola"),  con nome de orixe xermánicaO antropónimo  Sardinus está atestado en Galiza, cf. CODOLGA.

AS XIMARÁS (Lagoa)
O nome probablemente proveña dun xentilicio, talvez Silimarus, Gilimarus ou Genemarus, a través da forma (terra) Silimarana, Gilimarana ou Genemarana, respectivamente. Cf. Boullón Agrelo aquí, e aquí e aquí.
O topónimo "Pena de Ximarao", en Cedeira, parece confirmar a relación cun deses xentilicios.
Alternativamente, moitos autores  (xa Piel e Kremer, tamén G. Navaza, etc) interpretan estes topónimos como orixinados en Wimaranis (xenitivo de Wimarus),  sendo a estraña evolución do fonema inicial  interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimarás", con gheada. No entanto, como indica Boullón Agrelo (cf. aquí), estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares.
Existen múltiples "Ximará", como en Xuances, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc. 








4 comentarios:

  1. Impresionante traballo!!! Noraboa, se mo permites gostaríame saber a orixe dalgún lugar alfocense que non aparece no listado. Grazas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Motísimas grazas polo teu comentario!. Por suposto, calquera dúbida que coñeza estarei encantado en responder.
      Saúdos e grazas novamente
      Xose

      Eliminar
  2. Moitas grazas polo traballo e por compartirlo Xosé!
    Hai un lugar en Bacoi que se chama A Milicroca e sempre me chamou a atención esta palabra, sabrías dicir de onde ven?
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  3. Ola Jo! Moitas grazas a ti polo comentario!, é sempre moi reconfortante ver que o artigo é lido e que non foi investido o tempo en van!.
    Canto a "A Milicroca": aínda que con dúbidas, probablemente estea relacionado con "milicroque", a planta de flores púrpuras que se estalan, tamén chamada alcroque, dedaleira, abrula, etc (http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=milicroque&tipo_busca=lema).
    Este nome podería, por tanto, corresponder cun fitotoponimo, indicando un lugar onde abundan os milicroques.
    Tampouco se pode descartar que fose usado como alcume dalgunha posesora dese lugar (ver acepcións de "croca"),
    Alternativamente, aínda que máis improbábel, relacionado coa acepción de "croca" indicativa de "castaña seca". Deste modo, "milicroca" indicaría terreo con moita produción de castañas.

    Saúdos!
    Xosé

    ResponderEliminar